A Deputación abre este luns 2 de marzo o prazo para solicitar os Campamentos A Lanzada, nos que participarán este verán máis de 1.500 rapaces da provincia

As nenas e nenos nados entre o 2013 e 2018 poderán gozar dunha completa oferta de ocio na Lanzada, a través de 11 quendas de 7 días de duración entre o 21 de xuño e o 5 de setembro. O prazo de solicitude de prazas permanecerá aberto ata o 20 de marzo

01/03/2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 2 de marzo, e ata o día 20 deste mes, o prazo solicitar participar nos Campamentos A Lanzada 2026. Neste verán do 2026 o organismo provincial investirá 450.000 € e ofertará 1.540 prazas para nenos e nenas empadroadas na provincia e nadas entre o 2013 e o 2018.

Das 1.540 prazas ofertadas, 1.330 seguirán o procedemento xeral tendo que aboar 110 € por praza ou 80 € no caso de familias numerosas ou monoparentais. As 210 restantes resérvanse para menores en situación ou risco de exclusión e serán financiadas ao 100% polo organismo provincial. Os campamentos terán lugar ao longo do verán a través de 11 quendas de 7 días de duración, de domingo a sábado, e desenvolveranse entre o 21 de xuño e o 5 de setembro (a falta de concretar a data de inicio do curso escolar 2026/2027).

Durante a súa participación nos campamentos as nenas e nenos desfrutarán dun programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, ambientais, científicas e de convivencia, así como de aloxamento en tendas de campaña en réxime de pensión completa e saídas educativas e de lecer. Todas as actividades serán dirixidas por un equipo técnico especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre, náuticas, científicas e lingua inglesa.