A Deputación comeza este domingo a última quenda dos campamentos da Lanzada cun novo grupo de 140 rapaces chegados desde 22 concellos

Durante seis días os pequenos desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas

27/08/2026

Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra chegan ao seu fin e reunirán esta próxima semana, a partir do domingo 30 de agosto, o último grupo de 140 nenas e nenos que pasarán seis xornadas nas instalacións provinciais situadas no concello do Grove. Ata o sábado 5 de setembro, un total de 140 cativos poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Co fin da edición deste ano, terán pasado polos campamentos máis de 1.500 menores.

Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións da Deputación proceden de 22 concellos da provincia de Pontevedra: Baiona (1), Barro (1), Caldas de Reis (2), Cambados (1), Cerdedo Cotobade (1), Gondomar (3), A Guarda (1), Moaña (1), Nigrán (2), Poio (9), Ponteareas (1), Pontevedra (22), Redondela (3), O Rosal (1), Salvaterra de Miño (1), Sanxenxo (10), Silleda (1), Soutomaior (1), Valga (2), Vigo (74), Vilagarcía de Arousa (1) e Vilanova de Arousa (1).

No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a cativada poderá desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia da Lanzada (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén gozarán de actividades artísticas, culturais, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos ou baile e realizarán excursións a lugares como a illa de Ons.

Ademais, nesta última quenda terá lugar a habitual actividade de elección da mascota que se converterá na imaxe oficial dos campamentos na edición do próximo verán. A mascota será escollida, nun acto público e por un xurado, entre as propostas elaboradas pola rapazada de cada unha das once quendas dos campamentos, utilizando para o seu deseño elementos naturais e reciclados que poden atopar durante a súa estadía no campamento.