A Deputación ultima os días para que as entidades sen ánimo de lucro soliciten as axudas para edicións, dotadas con 100.000 €
Trátanse de axudas dirixidas a impulsar traballos de interese para a provincia, que recoñezan a cultura galega e contribúan ao enriquecemento bibliográfico provincial. O prazo de solicitude permanece operativo ata o próximo martes, 3 de marzo
25/02/2026
A Deputación ultima os días para que as entidades sen ánimo de lucro soliciten as axudas provinciais para edicións, dotadas con 100.000 €. Trátanse de axudas dirixidas a impulsar traballos de interese para a provincia, que recoñezan a cultura galega e contribúan ao enriquecemento bibliográfico provincial e o prazo de solicitude permanece operativo ata o próximo martes, 3 de marzo.
Esta liña de axudas para edicións en galego normativo promovidas por entidades sen ánimo de lucro, por concorrencia competitiva, concederá ata un máximo de 3.500 € para publicacións en papel, 6.000 € para pezas audiovisuais e 8.000 € para as mixtas, sempre que o importe máximo non exceda do 70% do orzamento. As publicacións deben ser inéditas, de interese municipal, provincial ou comarcal e, entre outras cuestións, teranse que publicar neste 2026 e cun mínimo de 50 páxinas por exemplar, excepto os libros infantís, os de teatro e de poesía, e a tirada mínima será de 100 exemplares.
A Deputación asume desde 1940 a produción propia de publicacións e en 1986 creou o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, no que se integrou a actual Sección de Publicacións. O seu labor céntrase na edición de traballos que abordan temas relacionados coa provincia, con interese para a cidadanía, prestándolle especial atención á historiografía, así como a outros estudos de investigación relacionados cos concellos da provincia e coas súas tradicións, mesmo abranguendo o ámbito galego cando se consideran de interese para a provincia.