A Deputación percorre a estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña, na que investirá preto de 1,4 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria
A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Moraña, José Gómez, supervisaron o treito obxecto da actuación, que será financiada integramente polo organismo provincial e que saíu a licitación o 5 de marzo
11/03/2026
A Deputación de Pontevedra supervisa o estado da estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña, na que investirá preto de 1,4 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria. A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Moraña, José Gómez, supervisaron o treito obxecto da actuación, que será financiada integramente polo organismo provincial e saíu a licitación o 5 de marzo para comezar a execución proximamente. “Imos facer realidade unha demanda histórica de Moraña, un proxecto que o anterior goberno da Deputación deixou gardado nun caixón durante oito anos”, remarcou Cachafeiro.
A mellora da estrada, que se executará nun prazo aproximado de doce meses, permitirá ensanchar e mellorar a seguridade viaria e funcionalidade desta estrada provincial entre o punto quilométrico 2+300 e o 3+624. Para elo ampliarase o ancho da sección transversal da vía ata os 7 metros con dous carrís de 3 metros, un para cada sentido, e beiravías de 0,5 metros en ambos lados. Corrixirase o trazado de diversas curvas perigosas, incrementando o seu raio de xiro para mellorar a visibilidade, e executaranse cunetas en formigón así como actuacións para mellorar a drenaxe da estrada. Ademais renovarase o firme na totalidade dos 1.324 metros de actuación e, con respecto á ponte sobre o río Gundeiro, executarase unha nova, con dous carrís de 3 metros, un para cada sentido, e beiravías de 0,5 metros en ambos lados.
Cos recursos provinciais solucionaranse os problemas desta estrada provincial que carece de beiravías e presenta un trazado sinuoso, con sucesión de curvas entrelazadas de pequeno radio, existindo un gran número de puntos perigosos onde a visibilidade para os vehículos é practicamente inexistente. Unha estrada que, na actualidade, tamén ten problemas de drenaxe, sen a sección útil necesaria para evacuar as augas en días de fortes precipitacións e provocando inseguridade viaria.
