A Deputación adía o trail e a andaina de Entre Pontes Trail & Running de Moaña ata o 13 de decembro

Trátase da última proba do circuíto deste ano, que ía celebrarse o 29 de novembro e cambia para non coincidir coa celebración das eleccións xerais, que antes chegará o domingo 25 de outubro a Gondomar, o 1 de novembro a Cerdedo Cotobade e o 22 de novembro a Pontevedra

20/10/2026

A Deputación de Pontevedra cambia a data do trail e a andaina de Entre Pontes Trail & Running que se ían celebrar en Moaña o 29 de novembro para o 13 de decembro, ante a coincidencia coa celebración das eleccións xerais. Trátase da última das citas do circuíto provincial, que antes chegará o domingo 25 de outubro a Gondomar, o 1 de novembro a Cerdedo Cotobade, ambos coas prazas esgotadas, e o 22 de novembro a Pontevedra.

Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de actividades paralelas como andainas e carreiras infantís. Os obxectivos deste programa, que pretende achegar o deporte ao territorio, pasan pola descentralización das actividades deportivas, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza.

Todas as probas son de balde e as celebradas ata o momento, a 10k entre A Illa de Arousa e Vilanova e o trail que tivo lugar o pasado 12 de outubro no parque forestal de Beade, en Vigo, esgotaron prazas en poucos días. O prazo para inscribirse nas próximas, a de Pontevedra e a de Moaña, abrirase proximamente.