Luis López anuncia que levará a Bruxelas o “modelo de éxito” das axudas da Deputación ás comunidades de augas

O presidente provincial encabezará o 13 de outubro unha delegación da Deputación na Semana Europea das Rexións e das Cidades para presentar unha política baseada na eficiencia, a modernización e o compromiso colectivo

04/09/2026

Luis López anuncia que levará a Bruxelas o “modelo de éxito” das axudas da Deputación ás comunidades de augas

A Deputación de Pontevedra levará o próximo 13 de outubro a Bruxelas o seu modelo comunitario de xestión da auga da provincia, despois de ser seleccionada para compartir esta experiencia na Semana Europea das Rexións e das Cidades, un dos principais foros europeos de debate sobre políticas territoriais. O presidente provincial, Luis López, encabezará a delegación da institución, xunto co deputado de Acción Comunitaria e Fondos Europeos, Javier Tourís, para presentar ante representantes europeos unha política baseada na eficiencia, a modernización dos sistemas e o compromiso colectivo.

Luis López anunciou esta viaxe no marco do balance das políticas provinciais de apoio ás comunidades de usuarios de augas e destacou que a participación neste foro europeo permitirá proxectar internacionalmente unha experiencia construída ao longo dos últimos anos na provincia. “Ser unha terra de auga non nos blinda contra a seca. Cómpre xestionar a auga, e cómpre xestionala ben: con sentidiño no uso e cunha aposta decidida pola eficiencia e pola modernización dos sistemas”, sinalou o presidente.

O compromiso da Deputación coa xestión comunitaria da auga tradúcese en cifras. Nos últimos tres anos, a institución provincial mobilizou preto de 8 millóns de euros para modernizar máis de medio milleiro de comunidades de usuarios de augas. En concreto, máis de 7 millóns de euros destináronse a 440 axudas de ata 10.000 euros a través do programa +AQUA, orientado á modernización das instalacións e sistemas de xestión das comunidades. A esta cifra sumaranse as solicitudes da convocatoria deste ano, na que permanecen pendentes de tramitar arredor de 400 peticións. A Deputación destinou ademais 700.000 euros para apoiar a regularización de preto de 70 comunidades de augas, facilitándolles asesoramento e apoio na documentación e na tramitación administrativa necesaria.

“Este balance demostra a dimensión dunha política que vai moito máis alá das axudas económicas”, destacou Luis López, quen lembrou que o compromiso provincial coa auga tamén abrangue iniciativas como os Premios Aqua, o concurso escolar Gotiña, o Observatorio da Auga ou o Congreso Internacional da Auga. Para o presidente, estas actuacións forman parte dunha mesma estratexia: avanzar cara a unha xestión máis eficiente dos recursos hídricos e preparar a provincia para afrontar os períodos de seca con maiores garantías.

Precisamente esta experiencia será a que a Deputación presentará o 13 de outubro en Bruxelas, no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades. A institución provincial foi seleccionada para compartir o seu modelo de apoio ás comunidades de usuarios de augas, poñendo o foco nunha fórmula de xestión sustentada na eficiencia, no compromiso colectivo e na modernización. “Quédense con esa palabra: internacional”, remarcou Luis López. “O vindeiro 13 de outubro encabezarei unha viaxe a Bruxelas para intervir na Semana Europea das Rexións e das Cidades, onde fomos seleccionados para compartir o modelo de éxito na nosa xestión comunitaria da auga”.

O presidente provincial avanzou que esta participación permitirá “consolidar Rías Baixas como referencia nacional e internacional neste modelo comunitario”, especialmente nun momento no que a xestión eficiente dos recursos hídricos cobra cada vez maior importancia. “Coidar a auga é tarefa de todos, e ninguén mellor que as comunidades para facelo. Diso, e de moito máis, falaremos o 13 de outubro en Bruxelas”, concluíu Luis López, quen considerou “un orgullo non só recoller os froitos do traballo, senón abandeirar á provincia na sede do Goberno da Unión Europea”.

audios