Luis López anuncia a aprobación do convenio co Concello de Vigo para dedicar preto de 2,4 millóns a converter a rúa Rosalía de Castro nun espazo moderno e sostible

A Deputación de Pontevedra financia a actuación ao 70%, achegando 1,7 millóns de euros fronte aos 700.000 € do Concello de Vigo, e avanza na súa aposta pola cidade cun investimento “récord” de preto de 50 millóns de euros

12/06/2026

Luis López na conferencia de prensa sobre o convenio co Concello de Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno acaba de aprobar o convenio de colaboración co Concello de Vigo por valor de 2,4 millóns de euros para o financiamento da humanización da rúa Rosalía de Castro, no treito entre as rúas Pontevedra e República Arxentina. O organismo provincial achegará a esta actuación, que o presidente definiu como “moderna e sostible”, un total de 1,7 millóns de euros que representan o 70% do seu orzamento de licitación. Desenvolveranse nun treito de 110 metros de lonxitude, abranguendo preto de 4.000 m2, e “converterán un espazo baleiro e de paso nun lugar onde pasar tempo e crear comunidade”.

O presidente Luis López lembrou que a través desta humanización crearase unha plataforma compartida na que se reducirá a velocidade dos vehículos, o que se traduce en menos ruído e menor temperatura ambiente. Tamén se crearán máis zonas de sombra grazas tanto á vexetación como á instalación de pérgolas circulares. A obra aumentará nun 70% o espazo para os peóns, que contarán con tres espazos diferenciados para a súa estancia, e tamén contará cun paseo peonil con flores así como un xogo de sombras con textos de Rosalía de Castro. Ademais, a rúa estará dotada de enerxía solar para a carga de patinetes e bicicletas eléctricas.

Coa dedicación de 1,7 millóns de euros de fondos provinciais, o Concello de Vigo achegará a esta actuación un total de 720.000 euros. O presidente da Deputación, Luis López, enmarcou este novo convenio de colaboración dentro do “investimento récord” que a institución provincial está a dedicar á cidade, “con 47 millóns de euros para grandes proxectos como a bancada de Gol en Balaídos, o Teatro Cine Fraga, a piscina de Teis ou moitos outros”, sinalou

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.