A Deputación ultima os días para visitar no Pazo provincial a exposición “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral”
A mostra itinerante organizada polo Consello da Cultura Galega estará dispoñible ata o próximo 27 de febreiro
17/02/2026
A Deputación de Pontevedra mantén aberta ao público “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral”, exposición itinerante do Consello da Cultura Galega, ata o 27 de febreiro no vestíbulo principal do Pazo provincial. A mostra, comisariada por Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, reivindica a actualidade dun dos instrumentos máis tradicionais da música galega, reivindicando a súa convivencia coas manifestacións e correntes máis actuais do diverso panorama musical de Galicia.
A pandeireta galega é un testemuño vivo da memoria cultural de Galicia, polo que conservala significa respectar as raíces, os xestos e os sons que acompañaron xeracións. Con todo, a tradición só se mantén forte cando dialoga co presente, e a mostra reivindica que innovar en materiais, técnicas e formas de interpretación non implica romper co herdado, senón darlle novas posibilidades de futuro. A exposición inclúe exemplares de pandeireta de diferentes épocas así como mostras dos materiais utilizados na súa fabricación, ademais dos traxes tradicionais utilizados polas súas intérpretes.
“A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral”, que nace do recoñecemento das Letras Galegas 2025 ás cantareiras, achega o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta a través dunhas xornadas-exposición valiosas como recurso pedagóxico que fomentan e proxectan esta parte do patrimonio sonoro galego. Tamén busca contribuír aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia con documentos históricos e de nova creación para que, ao igual que se fixo coas gravacións de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, se poñan á disposición da sociedade.