A Deputación comeza as visitas guiadas á exposición sobre fotografía do XIX no Museo de Pontevedra
As visitas a “Debuxar coa luz” serán os xoves ás 18 h e os domingos ás 12 h e é necesaria reserva previa a través da web museo.depo.gal
13/01/2026
Este xoves 15 de xaneiro a Deputación de Pontevedra inicia as visitas guiadas a “Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX”, a exposición aberta no Museo de Pontevedra ata o vindeiro 5 de abril. Cada semana realizaranse dúas visitas guiadas, unha os xoves ás 18 h e outra os domingos ás 12 h. Para participar nas visitas, con 20 prazas en cada unha, é necesario reservar praza a través do formulario dispoñible na web do Museo.
As visitas guiadas, de arredor dunha hora de duración, serán dirixidas polo equipo de Educación do Museo de Pontevedra, que achegará ao público participante as principais claves da mostra. Arredor de 300 fotografías, a maioría orixinais do XIX, e máis dun cento de obxectos e mobiliario compoñen esta gran mostra que celebra o traballo dos pioneiros da fotografía na cidade, desde o daguerrotipo á revista ilustrada, pasando pola “carte de visite”, a crónica urbana e a fotografía científica e patrimonial.
A mostra dedica especial atención a dous aspectos predominantes na fotografía do XIX: o retrato e a fotografía urbana, destacando tamén outros ámbitos como o uso documental e científico da fotografía e a irrupción das revistas ilustradas. É salientable que o groso da mostra está formada por fotografías orixinais do XIX, apoiadas puntualmente con ampliacións e reproducións actuais.
Ademais das visitas guiadas, o programa complementario inclúe outras actividades que se desenvolverán nos vindeiros meses. En febreiro terá lugar un obradoiro de colaxes animadas, dirixido a público de calquera idade a partir de 8 anos, que partirá das fotografías antigas para realizar pequenas animacións coa técnica do “stop motion”. Toma o relevo dos obradoiros de Nadal, que este ano tamén se centraron no contido da exposición. Por último, no mes de marzo celebrarase unha xornada sobre arquivos gráficos e museos, con conferencias sobre a adquisición, conservación e difusión de arquivos gráficos desde os museos.