A Deputación destinará este ano 200.000 €, 30.000 € máis que no 2025, aos festivais audiovisuais da provincia

“O audiovisual made in Galicia vive unha época de esplendor, un momento doce para a nosa cultura que cómpre coidar en todas as fontes, incluída a dos festivais”, subliñou o presidente provincial Luis López

30/01/2026

Luís López conferencia de prensa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases das axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro para apoiar o desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia, dotadas con 200.000 €, 30.000 € máis que no 2025. “Rondallas, Romería, Sirat… o audiovisual made in Galicia - subliñou o presidente Luis López- vive unha época de esplendor. Falamos dun momento doce para a nosa cultura que cómpre coidar en todas as fontes, incluída a dos festivais”.

Esta liña de axudas da Deputación, que o pasado ano beneficiou a eventos audiovisuais tan recoñecidos como o Play-Doc, o Festival de Cans, o FICBueu, Novos Cinemas, Curtas Festival do Imaxinario e o Galician Freaky Film Fest, está aberta a entidades con festivais que se desenvolvan no 2026 na provincia durante 4 xornadas como mínimo, con 4 edicións consecutivas ás súas costas, que proxecten un mínimo de 20 pezas, das que o 5 ou o 10% sexan de títulos de produción cinematográfica ou dirección galegas, e que inclúan na súa programación actividades paralelas ou formativas e empreguen a lingua galega na súa comunicación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e, cos recursos provinciais, subvencionaranse desde infraestruturas e espazos para as proxeccións, ata gastos de contratación, de xestión, de comunicación ou de galardóns e premios.

videos

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.