A Deputación repartirá preto de 5,9 M€ do II Plan Extra para financiar obras estratéxicas na contorna do Salnés e Arousa
Estes recursos provinciais completarán actuacións en Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa que mobilizarán ata máis de 9,6 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio
18/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes para distribuír os recursos do II Plan Extra, con preto de 5,9 millóns de euros para que os concellos das contornas do Salnés e Arousa se sumen á modernización da provincia. Estes recursos provinciais completarán actuacións nos concellos de Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa que mobilizarán ata máis de 9,6 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio. As contías do II Plan Extra serán aprobadas no Pleno ordinario do organismo provincial deste mes de marzo, que terá lugar o venres 27, grazas á estabilidade política da provincia.
Os concellos de Catoira, Meis e a Illa de Arousa recibirán, cada un, medio millón de euros que servirán para financiar, respectivamente, a recuperación do Camiño Real e a creación da senda peonil entre o límite co termo municipal de Vilagarcía (cuxo orzamento global ascende a máis de 610.000 euros), o camiño escolar seguro ao CPI do Mosteiro (cun orzamento que supera os 588.000 euros) e a humanización e posta en valor dos recursos naturais da área deportiva de Testos (que ascende aos preto de 1,1 millóns de euros).
No caso do Grove, beneficiarase de 900.000 euros para facer fronte á humanización e posta en valor da rúa Luis A. Mestre desde a rúa Borreiros ata a rúa da Praza, cuxo orzamento ascende aos 2,6 millóns de euros. Pola súa banda, ata Meaño chegarán 700.000 euros do II Plan Extra da Deputación de Pontevedra e servirán para que o goberno local financie o proxecto de senda peonil e ciclable por un tramo da rúa Ponte en Dena-Abuín, que ascende aos preto de 1,1 millóns de euros.
Ademais, o Concello de Pontecesures recibirá máis de 467.000 € para financiar a humanización e mellora integral dos servizos en San Xulián de Requeixo, que conta cun orzamento global de preto de 550.000 euros, e o de Ribadumia 700.000 € para o proxecto de humanización da rúa Calexón Loureiro e arredores da capela de San Isidro, que conta cun orzamento de máis dun millón de euros. Tamén contará con 700.000 euros Valga para a dotación de equipamento e posta en valor da área de lecer e deportiva de Porto Piñeiro, cuxo orzamento supera os 875.000 euros, e ata Vilanova de Arousa chegarán 900.000 do II Plan Extra da Deputación de Pontevedra e servirán para que o goberno local financie a rexeneración de espazos urbanos, que ascende aos máis de 1,2 millóns de euros.
No conxunto da provincia benefícianse do II Plan Extra 57 concellos da provincia que recibirán preto de 37 millóns de euros para impulsar proxectos estratéxicos locais que supoñen melloras relevantes en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos, teñen transcendencia en sectores de ámbito local, supramunicipal ou comarcal, incentivan o desenvolvemento do territorio, atraen e fixan poboación, teñen un compoñente vertebrador e fomentan a igualdade de oportunidade entre o rural e urbano.