A Deputación mantén un encontro en Lalín coas asociacións de Deza que participarán este ano no programa +Xuntas

A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, informou as asociacións das condicións do programa, que busca impulsar a formación das mulleres e que chega este ano a 26 colectivos da comarca

08/06/2026

A Deputación mantén un encontro en Lalín coas asociacións de Deza que participarán este ano no programa +Xuntas

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Paula Bouzós, mantivo este luns no Edificio Manuel Rivero de Lalín un encontro coas asociacións de Deza que se benefician este ano das accións formativas do programa +Xuntas. Un total de 26 asociacións, federacións ou fundacións sen fin de lucro de Dozón, Lalín, Rodeiro e Silleda beneficiaranse este ano do programa, que cun orzamento de preto de 340.000 € (un 6% máis que o pasado ano) ten como obxectivo impulsar a formación das mulleres arredor de áreas centradas na tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde.

Paula Bouzós lembrou que +Xuntas busca mellorar a formación básica das mulleres e as súas condicións de vida, promover o apoderamento e a súa autonomía individual, e crear redes de apoio para impulsar a participación activa e a sororidade entre as participantes. Cada acción ten unha duración de 35 horas e inclúe un módulo de sensibilización na igualdade e de oportunidades, de carácter obrigatorio e imprescindible para recibir o diploma. Cada acción ten un máximo de 25 participantes, agás os obradoiros asociados á tecnoloxía, cun máximo de 20. O goberno da Deputación pon en marcha este programa dentro do seu compromiso coa igualdade, entendendo a formación como un instrumento fundamental na loita contra a violencia de xénero.

A deputada de Igualdade lembrou que cada entidade debe proporcionar o local para a realización do obradoiro, en condicións adecuadas, e ofrecer a formación ás súas usuarias (o 75% de asistentes como mínimo deben ser mulleres) a un prezo de sete euros. Ademais, as participantes están obrigadas a asistir ás sesións, cun máximo de 25% de faltas sempre que sexan xustificadas e en ningún caso ao módulo de sensibilización, e levando os materiais indicados no catálogo de cursos. A empresa encárgase, entre outras cousas, de proporcionar persoal docente experimentado e titulado, o material para o alumnado e o resto de equipo co que non conten os locais escollidos polas entidades.

No caso de Lalín, contarán con obradoiros 19 colectivos: a Asociación Mulleres en Igualdade de Moneixas, a Asociación Mulleres de Gresande, a Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural Deza, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Madriñán, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio, a Asociación Mulleres en Igualdade de Camposancos, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Busto, a Asociación de Mulleres Rurais de Muimenta, a Asociación de Mulleres Rurais en Igualdade de Donsión, a Asociación de Mulleres Rurais en Igualdade de Prado, a Asociación de Mulleres Rurais en Igualdade de Camposancos, a Asociación de Mulleres Rurais de Donramiro, a Asociación de Mulleres Rurais en Igualdade de Santiso, a Asociación de Mulleres Rurais en Igualdade de Bendoiro, a Asociación de veciños de Moneixas, a Asociación para o Desenvolvemento familiar Medrar 2.0 ADEFAM 2.0, a Asociación Cultural e Veciñal Fonte de Lalín de Arriba, a Asociación de Veciños Bolarqueiros de Noceda e a Asociación de veciños San Cristovo de Camposancos.

Tamén participan a Asociación de Mulleres Rurais Virxe do Faro (Rodeiro), a Asociación Mulleres Rurais Pena de Francia (Dozón) e a Asociación de Mulleres Rurais de Dornelas, Asociación Mulleres Rurais Santa Isabel, Asociación Veciñal e Cultural Cortegada, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e Asociación A Costa, de Silleda.

Galerias de imaxes