A Deputación adxudica por valor de preto de 240.000 euros a Entre Pontes Trail & Running, a nova gran experiencia deportiva da institución provincial
Trátase dun circuíto que contará con tres carreiras de 10 quilómetros e tres probas de trail de 14 quilómetros nas contornas de Vigo, O Salnés, Pontevedra, O Morrazo e Deza- Tabeirós
13/06/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por valor de preto de 240.000 euros a Entre Pontes Trail & Running, a nova gran experiencia deportiva deseñada pola institución provincial que terá lugar na contorna de Vigo, O Salnés, Pontevedra, O Morrazo e Deza-Tabeirós. Trátase dun circuíto que nesta primeira edición contará con seis xornadas, tres carreiras de 10 quilómetros e tres probas de trail de 14 quilómetros, que pretenden converterse nun programa de promoción deportiva e territorial.
En liñas xerais, as probas de running de 10 quilómetros terán lugar na contorna de Vigo, no Salnés e na zona de Pontevedra e o trail de 14 quilómetros en Deza-Tabeirós, Vigo e O Morrazo. Ademais, Entre Pontes Trail & Running vai máis alá da competición e pretende crear espazos de encontro e convivencia arredor do deporte. Deste xeito, cada unha das citas incluirá unha andaina popular, probas infantís e culminará cun servizo de restauración móbil mediante food truck que forma parte do bloque final de convivencia de cada xornada.
Entre Pontes Trail & Running nace coa vocación de converterse nun referente do deporte popular na provincia e de seguir facendo da provincia de Pontevedra un territorio activo, saudable e conectado a través do deporte. Está previsto que en cada xornada participen 800 persoas, con 500 nas probas principais, 150 nas andainas populares e outras 150 nas actividades infantís.