A Deputación avanza na mellora da seguridade viaria e na reposición de cunetas na estrada provincial EP-1201 Marín-As Penizas
Está xa adxudicado o contrato para poñer en marcha estas obras nas que se investirán preto de 80.000 € para actuar nun tramo de 410 metros lineais da estrada ao seu paso polo Concello de Marín
24/02/2026
A Deputación de Pontevedra avanza na mellora da seguridade viaria e reposición de cunetas na estrada provincial EP-1201 Marín-As Penizas. Nestes momentos está xa adxudicado o contrato para poñer en marcha estas obras nas que se investirán preto de 80.000 € para actuar nun tramo de 410 metros lineais da estrada ao seu paso polo Concello de Marín.
A actuación abrangue o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+650 e o 2+060 nos que se vai modernizar e optimizar o sistema de drenaxe e seguridade viaria na estrada provincial EP-1201 mediante a renovación de conducións, a execución de cunetas, a incorporación de elementos de recollida de augas e a restauración das zonas afectadas.
As obras contemplan distintas fases que inclúen traballos previos, instalación de elementos de drenaxe, execución de cunetas e outras actuacións complementarias. Deste xeito, os traballos previos abranguen limpeza de marxes, escavacións en gabias ao longo do tramo obxecto da actuación para instalar novos elementos de drenaxe e canalizacións, así como a demolición e levantado de firme, beirarrúas e cunetas de formigón.
A continuación colocarase a nova canalización ao longo do tramo, situada en gabia, para mellorar a recollida e a evacuación de augas pluviais. Tamén se realizará un recheo das gabias, estenderase unha capa como soporte para a reposición das zonas afectadas polos traballos e instalarán as conducións de drenaxe complementarias, conectándoas coa rede de evacuación existente. E, finalmente, construiranse as novas cunetas de formigón, executaranse sumidoiros para facilitar a recollida de augas superficiais e construiranse arquetas de rexistro para facilitar o mantemento.