A Deputación actuará de emerxencia na EP-8002 Caldas – San Clemente, en Caldas de Reis, para garantir a seguridade viaria ante o risco de afundimento da estrada

A institución provincial cortará totalmente a vía entre os puntos quilométricos 0+400 e o 0+600 a partir de mañá martes 12 e investirá 150.000 euros na reparación desta calzada

11/05/2026

A Deputación de Pontevedra inicia unha obra de emerxencia na estrada provincial EP-8002 Caldas-San Clemente, no concello de Caldas de Reis, para garantir a seguridade viaria ante o risco de afundimento detectado nun tramo da vía, que suporá o corte total da estrada entre os puntos quilométricos 0+400 e 0+600, un tramo moi próximo ao casco urbano de Caldas. O venres realizouse xa o peche dun dos carrís e este martes 12 de maio completarase o corte total da calzada para permitir a execución dos traballos de emerxencia.

A actuación levarase a cabo despois de que unha inspección técnica constatase a existencia de importantes cavidades baixo a estrada, nunha zona na que existe un muro de contención de considerable altura. Estas oquedades están a provocar a perda de material de recheo baixo a calzada e xa se manifestan na aparición de gretas no pavimento. Segundo os informes técnicos, de continuar avanzando esta situación podería producirse o afundimento da estrada, co conseguinte perigo para a seguridade viaria.

A institución provincial xa coordinou esta situación co Servizo de Transportes da Xunta de Galicia e coas empresas concesionarias para reorganizar os servizos de transporte escolar e regular afectados. Neste sentido, a Deputación propón unha ruta alternativa para os autobuses de maior tamaño entre o CEIP San Clemente de César e o núcleo de Caldas de Reis, pasando por San Clemente, Casaldrago, Cernadas e Carracedo. No caso dos minibuses, a Deputación xa mantivo contactos coas empresas de transporte para adaptar o servizo ás novas condicións de circulación. Tamén se informou á empresa encargada do transporte regular de viaxeiros con destino a Caldas de Reis.

Os traballos previstos contan cun investimento estimado de 150.000 euros e inclúen o fresado do asfalto, a retirada de terras ata chegar á base da estrutura de contención, a execución das actuacións necesarias para garantir unha correcta drenaxe das augas procedentes dun nacemento natural existente baixo a estrada, así como o recheo, compactación e reposición do firme para recuperar a circulación con plenas garantías de seguridade. A duración estimada da actuación é de tres meses.