A Deputación inaugura en Vigo a exposición ‘A luz de Galicia’ do pintor Juan Moreno Badía
A mostra, que permanecerá aberta ata o 11 de setembro na Sala Maruja Mallo, reúne obras recentes e inéditas inspiradas en paisaxes urbanas, costeiras e de interior
08/07/2026
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle desde este mércores, 8 de xullo, a exposición ‘A luz de Galicia’, unha mostra do pintor galego Juan Moreno Badía que reúne unha ampla selección de obras recentes e inéditas nas que a paisaxe galega se converte na gran protagonista.
A exposición ofrece un percorrido por escenarios urbanos, costeiros e de interior que forman parte da contorna vital e artística do autor. Santiago de Compostela, as praias de Broña e do Testal, a Mariña lucense, Baiona, Vilaxoán ou O Faramello son algúns dos lugares representados nun conxunto de pezas realizadas fundamentalmente en óleo sobre lenzo. A través delas, Moreno busca transmitir emocións e sentimentos a partir de espazos recoñecibles e próximos, convertendo o cotián nunha experiencia evocadora.
Durante a inauguración, a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, subliñou a vontade da Deputación de facer da súa sede de Vigo “un punto de encontro coa cultura”. Ademais, sinalou que ‘A luz de Galicia’ “convida a mirar a nosa terra con calma” a través dun percorrido por paisaxes que, grazas á mirada artística de Juan Moreno Badía, “conseguen transmitir emocións e novas perspectivas sobre a nosa contorna”.
Juan Moreno Badía (A Coruña, 1945) conta cunha sólida e recoñecida carreira artística. Coñecido inicialmente polos seus retratos, nos que destacou pola súa capacidade para captar a personalidade dos seus modelos, nos últimos anos orientou unha parte importante da súa produción cara á representación da paisaxe galega, caracterizada pola viveza das súas cores e por unha linguaxe pictórica baseada na harmonía, a beleza e a emoción.
Así, a exposición, que poderá visitarse na Sala Maruja Mallo da sede viguesa da Deputación de Pontevedra ata o 11 de setembro, ofrece ao público a oportunidade de achegarse á obra dun dos pintores galegos con maior traxectoria e de descubrir unha interpretación serena, luminosa e persoal da paisaxe de Galicia.
