A Deputación destina preto de 74.000 euros ao Concello de Bueu para a iluminación exterior da piscina municipal e a mellora da eficiencia enerxética no campo de fútbol das Laxes

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que na súa terceira edición destina a Bueu preto de 150.000 euros

04/06/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas axudas por valor de preto de 74.000 euros para que o Concello de Bueu instale iluminación exterior na piscina municipal e para que mellore a eficiencia enerxética do alumeado do campo de fútbol das Laxes. Trátanse de recursos que proveñen do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións xa existentes.

Preto de 54.000 euros destes recursos van dirixidos á mellora da eficiencia enerxética do alumeado do campo de fútbol das Laxes. Trátase dunha actuación que reformará a instalación actual de iluminación do terreo de xogo para mellorar a calidade, a eficiencia enerxética e adecuala á normativa en vigor. Ademais, con este novo alumeado mellorarase a eficiencia enerxética e o aforro, reduciranse as emisións de CO2, mellorarase a seguridade das instalacións, os parámetros luminotécnicos, a vida útil da instalación, co correspondente aforro no mantemento, e a diminución da contaminación luminosa.

Pola súa banda, os 20.000 euros restantes destinaranse á iluminación exterior da piscina municipal. Neste caso, instalaranse cinco puntos de luz novos compostos por cinco columnas de seis metros de altura. Catro destas columnas levarán unha luminaria e unha delas levará dúas luminarias. A actuación abrangue tamén a cimentación das columnas de luz e o cableado.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas destina nesta terceira edición ao Concello de Bueu preto de 150.000 euros. Deste xeito, ademais dos preto de 74.000 euros aprobados esta semana, a vila ten á súa disposición outros 66.000 euros cos que fará fronte ao acondicionamento das pistas e á mellora da eficiencia enerxética no complexo deportivo do Xistro.