A Deputación inaugura o local social de Saídres, en Silleda, no que investiu 78.500 euros para a súa reforma e acondicionamento

A deputada Belén Cachafeiro foi a encargada de participar no acto no que remarcou a utilidade dos recursos do Plan +Provincia “para impulsar proxectos como este, que melloran a vida da xente”

21/07/2026

A Deputación de Pontevedra inaugura o local social de Saídres, en Silleda, no que investiu 78.500 euros para a súa reforma e acondicionamento. A deputada de Infraestruturas Públicas, Belén Cachafeiro, foi a encargada de participar no acto inaugural no que remarcou a utilidade dos recursos do Plan +Provincia, cos que se acometeu esta actuación, “para impulsar proxectos como este, que melloran a vida da xente”.

“Hoxe é un día de ledicia para Saídres pero tamén para a Deputación, porque vemos como os recursos públicos provinciais se materializan en proxectos de tanta utilidade”, subliñou a deputada provincial. O investimento da Deputación serviu, tal e como detallou Cachafeiro, para construír un espazo “máis accesible, máis confortable e mellor acondicionado, con novos espazos, con equipamentos interiores renovados e tamén novos mobles, nova instalación eléctrica e iluminación exterior, que será, a partir de agora, o epicentro da vida social de Saídres”. Ademais de reformar e acondicionar o local social, cos fondos do Plan +Provincia tamén se demoleu unha edificación anexa, que estaba en estado ruinoso e podía supoñer un problema de seguridade para a veciñanza.

Este ano a Deputación de Pontevedra destina a Silleda a través do Plan +Provincia 1,6 millóns de euros, cos que o goberno local pode “facer realidade proxectos como este ou outros moitos, como os que visitei a semana pasada tamén aquí, en Silleda, para impulsar o saneamento en Maceira Boa e mellorar camiños en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada”, asegurou Cachafeiro. A deputada tamén remarcou que “somos un goberno provincial que sitúa ás persoas no centro de todo e ten ao municipalismo como bandeira. Por iso destinamos recursos como nunca antes se fixera para que os concellos poidan impulsar proxectos de tanta utilidade para a veciñanza como o que hoxe inauguramos en Saídres”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.