Luis López afirma que O Gran Camiño pon a Rías Baixas no mapa do mellor ciclismo mundial e se consolida como un escaparate de primeiro nivel para o turismo deportivo
O presidente da Deputación participou no corte de cinta que deu comezo á etapa decisiva de 155 quilómetros entre As Neves e Santa Trega (A Guarda)
18/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este sábado no protocolario acto de corte de cinta que deu saída a quinta e derradeira etapa da carreira ciclista O Gran Camiño. Unha carreira de 155 quilómetros de percorrido entre os concellos de As Neves e A Guarda, cun remate espectacular no alto do Monte de Santa Trega.
O pelotón partiu desde o centro urbano das Neves con destino ao segundo lugar máis visitado de Galicia: o monte Santa Trega da Guarda. Polo camiño atravesaron os concellos de Arbo, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui, Tomiño e Oia con dúas subidas ao Alto da Valga, un porto de segunda categoría antes de afrontar a subida final na Guarda.
O patrocinio por parte da Deputación da carreira O Gran Camiño enmárcase na aposta do goberno provincial polo turismo deportivo que marca a campaña “A túa meta, o teu destino” e representa os beneficios que reporta á provincia a aposta polo deporte, pola organización de grandes eventos e polo turismo deportivo. Trátase dun evento deportivo de impacto internacional que conta con cinco etapas pasando polas catro provincias galegas. Para a Deputación, acoller eventos de relevancia internacional como O Gran Camiño é fundamental para avanzar no impulso do turismo sostible e descentralizado nas Rías Baixas.
