Luis López informa dun fito histórico para o sector empresarial da provincia: o polígono industrial de Barro-Meis acada o 100 % de ocupación

Vinte anos despois da construción, o ente provincial vén de adxudicar as últimas catro parcelas que eleva ata as empresas instaladas nun parque empresarial do que Luis López avanza que a Deputación xa está a estudar a viabilidade da súa ampliación

25/03/2026

Luis López informa dun fito histórico para o sector empresarial da provincia: o polígono industrial de Barro-Meis acada o 100 % de ocupación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de informar nun encontro con representantes do tecido empresarial de Pontevedra dun fito histórico para o sector económico da provincia: O polígono industrial de Barro-Meis, dependente do organismo provincial, rexistra xa unha ocupación do 100 %. O mandatario provincial foi o convidado polo Foro Empresa Pontevedra para impartir unha conferencia que levou por título “Construíndo unha provincia extraordinaria” na que fixo balance dos proxectos estratéxicos que está a liderar o goberno provincial tanto na capital como no conxunto da provincia, así como sinalar os retos de futuro que debe afrontar a provincia, nos que a cooperación entre administracións e a colaboración entre os sectores público e privado xogarán un papel clave.

“O sector empresarial de Pontevedra e da provincia é o que tira dunha provincia que é referencia en eidos económicos tan importantes como a construción, o comercio, o turismo, a loxística, a innovación, o sector primario ou a cultura, entre moitos outros. Entre unha idea e unha realidade sempre hai unha empresa polo medio”, recoñeceu o presidente da Deputación ao comezo da súa intervención para reafirmar “a máxima colaboración” do goberno provincial co tecido empresarial da provincia.

A ocupación da totalidade das parcelas dispoñibles do polígono industrial de Barro-Meis foi o tema central da intervención do presidente provincial. Coa adxudicación das derradeiras catro parcelas, os 74 espazos que dan forma a este parque empresarial xa teñen dono. Son 32 as empresas que se asentan neste recinto que puxo en marcha a Deputación hai vinte anos. “Dúas décadas despois do inicio das obras e de ter superado numerosas crises económicas, este polígono industrial está completo. O que demostra que a súa construción, tan ambiciosa como laboriosa, foi un completo acerto; que as empresas e a economía da provincia están en crecemento, que Barro chegou para substituír a falta de planificación de solo industrial de Pontevedra en todos estes anos e que a colaboración entre o sector público e o privado é o camiño máis curto para o progreso”, afirmou López.

Neste sentido, o mandatario provincial avanzou tamén que a Deputación xa está a estudar a viabilidade da ampliación do polígono. “Unha capacidade de atracción de empresas que semella non ter teito. O polígono segue xerando interese e, quero que saibades, que desde a Deputación xa estamos estudando a súa ampliación”, anunciou.

Compromiso coa cidade de Pontevedra

O impulso da Deputación á economía pontevedresa non se limita unicamente ao polígono industrial de Barro-Meis, a pegada da administración provincial tamén está presente na cidade cun investimento que neste mandato xa supera os 30M€ a través de iniciativas propias como a rehabilitación de Santa Clara, que dispón dun orzamento de 10M€, o investimento máis alto da historia de Príncipe Felipe, con 5M€ para renovar os seus edificios ou o impulso ao Museo de Pontevedra coa recuperación da Bienal (1,7M€) ou o futuro almacén para restos arqueolóxicos entre outros proxectos por valor de 8M€; e tamén en proxectos de cooperación co Concello a través de convenios bilaterais como os que fixeron posible o investimento de 3,2M€ para renovar o alumeado público nos barrios, a construción do campo de fútbol de Salcedo por 2,15M€, a futura construción dun novo viario en Mollavao por 1,3M€ ou os 0,4M€ para apoiar a organización dos Premios Feroz e as World Series de Tríatlon. “Cando tomamos posesión do goberno dixemos que a cidade de Pontevedra ía ter por parte da Deputación o mesmo ou mellor trato que na etapa anterior. Eu comprendo que o alcalde pida máis, pero é un feito que a Deputación está a cumprir con Pontevedra como nunca antes”, asegurou López.

Impulso ás infraestruturas e colaboración cos colectivos

Un compromiso coa capital que é extensible a toda a provincia a través dos distintos programas da Deputación tanto para o tecido empresarial como para a veciñanza de toda a provincia. Os 40M€ destinados ao mantemento e mellora dos 1.600 quilómetros da rede de estradas provincias garante a seguridade viaria e carga de traballo para as empresas, así como os 300M€ mobilizados a través dos distintos plans de cooperación cos concellos para a execución de obras de todo tipo, proxectos estratéxicos e o fomento do emprego. Neste sentido, o turismo e o deporte é un binomio que tamén está a potenciar a actividade empresarial, así como as axudas aos colectivos veciñais que mobilizaron máis de 3M€ ou a aposta polo emprendemento a través dunha alianza entre a Xunta e a Deputación para chegar a todos os recunchos da provincia, ampliar a cobertura das atencións e fomentar o uso da tecnoloxía.

Do mesmo xeito, o presidente recoñeceu o papel imprescindible que desempeñan as empresas para facer realidade iniciativas que impulsa tanto a Deputación como os concellos, que recentemente están a experimentar dificultades para adxudicar proxectos de obra pública. Neste sentido, Luis López reafirmou a vontade da Deputación para facer realidade proxectos estratéxicos como o da Vía Verde, unha senda peonil polo trazado ferroviario en desuso desde Vigo a Vilagarcía que o organismo provincial está a liderar. Unha porta aberta á colaboración con todos os axentes da sociedade provincial para que presenten iniciativas de interese público que contarán co máximo apoio da Deputación. “Xuntos construímos unha provincia máis forte”, concluíu Luis López.

Demanda de apoio ao Goberno central

Unha apoio firme e decidido aos 61 concellos da provincia e ao tecido empresarial e asociativo da provincia que, segundo sinalou o presidente, contrasta co abandono “por terra, mar e aire” do goberno central. O presidente Luis López aproveitou este encontro para reclamar ao Goberno central unha solución ao paseo peonil entre Pontevedra e Marín, así como para as habituais inundacións que se están producindo na autovía de Marín. Tamén esixe López a transferencia da AP-9 a Galicia, a mellora da rede de estradas nacionais, un cronograma detallado para conexión ferroviaria da provincia coa cidade lusa de Porto e o impulso a Peinador, que debe pasar por unha mesa de negociación na que Aena, responsable do aeroporto, estea presente. “Non imos consentir que a provincia de Pontevedra sexa marxinada e maltratada polos intereses partidistas dun Goberno”, remarcou o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.