Luis López e Luisa Sánchez felicitan o Celta polo histórico ascenso do seu filial: “É unha era de ouro. Celta en Europa, Fortuna en Segunda e unha marca feita na Madroa”
O presidente e a vicepresidenta da Deputación reciben no Pazo provincial aos xogadores, técnicos e directivos do conxunto celeste logo dun éxito que demostra o acerto da aposta pola canteira. “Se somos a provincia do deporte é por cracks coma vós”, afirma López
22/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, recibiu este luns no Pazo provincial aos integrantes do Celta Fortuna, o filial do Real Club Celta de Vigo, polo seu histórico ascenso á Liga Hypermotion (Segunda División) despois de vencer á Ponferradina na última eliminatoria da fase de ascenso. O dirixente deu os parabéns a cada un dos xogadores, recoñeceu o mérito dun adestrador da provincia, de Moaña, coma Fredi Álvarez e puxo en valor o labor dunha directiva. “O que estás a lograr non é unha racha, é unha era de ouro para o Celta”, confesoulle López á presidenta Marián Mouriño, á que tamén felicitou a vicepresidenta Sánchez para “darlle as grazas por liderar este equipazo”.
“Este foi un ascenso ao estilo Celta. É dicir, cunha exhibición de talento impresionante, cunha exhibición de personalidade e un modo de facer fútbol que é unha marca da casa, unha marca feita na Madroa. Iso fai que na provincia non collamos en nós de orgullo. Hoxe calquera presidente de calquera provincia de España se cambiaría por min porque calquera querería ter un Celta nas súas provincias, polo que significa máis aló do fútbol. Balaídos será un dos poucos campos de España nos que haberá cada fin de semana fútbol profesional. Iso é grazas a vós”, recoñeceu o mandatario provincial nunha recepción na que tamén estivo presente a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, e antiga integrante do consello de administración do Celta.
Ademais deste histórico fito deportivo, nunca antes o Celta tivera ao seu filial na segunda categoría do fútbol español, o presidente quixo poñer o foco no bo facer que está a realizar o club en todos os eidos, polo que o dirixente provincial quixo reafirmar o compromiso da Deputación co Celta e tendeu a man á presidenta da entidade para seguir colaborando co club en proxectos que sexan bos para o celtismo, como por exemplo a construción da nova grada de Gol de Balaídos, que é financiada ao 50 % con fondos provinciais. “Se somos a provincia do deporte é por cracks como vós”, concluíu Luis López
