Luis López aborda, nun primeiro encontro coa nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, vías de colaboración entre a Deputación e a Universidade
Ambos os dirixentes mantiveron unha reunión de traballo este mércores no Pazo provincial na que tamén participou a nova vicerreitora do Campus de Pontevedra, Maríán Fernández Villarino, para analizar asuntos de interese mutuo e plans de futuro
09/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantivo este mércores unha reunión de traballo coa reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, e a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Marián Fernández Villarino, e a xerente Ana Comesaña para analizar novas vías de cooperación entre ambos os organismos, avaliar os programas en marcha e estudar plans de futuro de interese mutuo. Este primeiro encontro institucional coas dirixentes da Universidade desde o seu nomeamento no pasado mes de xuño celébrase no marco do inicio do curso universitario, que comezou este martes cun acto solemne no que o presidente provincial tamén estivo presente.
Neste encontro, marcado polo ton cordial e construtivo, ambos os dirixentes fixeron balance do amplo historial de colaboración entre a Deputación e a Universidade, que conta con distintos plans de colaboración abertos en distintas áreas por un valor de preto de 400.000 euros. Proxectos entre os que sobresaen o programa Erasmus + para financiar bolsas do alumnado no estranxeiro, a Cátedra do Deporte e a Saúde e a Cátedra de Feminismos 4.0 ou a cooperación para impulsar o Campus Crea.
Neste sentido, ambos os dirixentes coincidiron nun aspecto a desenvolver no eido da formación, o relacionado coas ferramentas estratéxicas e as microcredenciais para formar perfís específicos como os traballadores dos concellos.
A cooperación leal e comunicación fluída seguirá a rexer a relación entre ambas as institucións, co compromiso de continuar cun contacto constante para ofertar formación e actividades de interese e alto valor que sirvan para mellorar a formación dos estudantes da provincia, a competitividade da provincia e a integración da Universidade de Vigo na vida social da provincia.
