Luis López anuncia a aprobación do expediente de contratación das obras na estrada Carballedo-Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade, con preto de 800.000 euros

A Deputación acometerá a mellora da drenaxe e da seguridade en toda a vía, de 2,6 quilómetros de lonxitude, coa reposición de firmes e a execución e substitución de cunetas

20/03/2026

Luis López anuncia a aprobación do expediente de contratación das obras na estrada Carballedo-Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade, con preto de 800.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación en Xunta de Goberno do expediente de contratación das obras na estrada Carballedo-Rebodelo (EP-0403), en Cerdedo-Cotobade, que contarán cun orzamento de preto de 800.000 euros. O presidente felicitouse pola rapidez na tramitación da actuación, lembrando que “hoxe fai exactamente un mes que aprobamos o proxecto de execución, polo que seguimos dando pasos o máis rápido posible”.

Actualmente o sistema de drenaxe e o firme da estrada presentan danos que supoñen riscos para a seguridade viaria, e os traballos permitirán corrixir estes problemas. A drenaxe mellorarase a través da substitución das cunetas que se atopan en mal estado e da execución de novos tramos naquelas zonas onde non existen na actualidade. Unha vez executada a drenaxe, procederase á reposición dos firmes e á execución dun tramo de barreira de seguridade na marxe dereita. Finalmente, realizarase unha redistribución dos espazos mediante o pintado das liñas e, para separar a calzada da zona peonil, unha dobre liña continua con resaltos e captafaros. As obras terán un prazo de execución de seis meses.

2,1 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno

A aprobación do expediente de contratación das obras na EP-0403 forma parte dun paquete de medidas aprobado na sesión da Xunta de Goberno desta semana por un valor total de 2,1 millóns de euros para actuar en estradas provinciais dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Sanxenxo. “Rara é a semana na que non traemos a esta Xunta de Goberno algunha novidade relativa ás estradas provinciais, e é que neste goberno tomámonos moi en serio o seu estado porque somos conscientes da súa importancia para os traslados que efectúan cada día os nosos veciños, e polo tanto da necesidade de que estean nas mellores condicións”, sinalou Luis López.