A Deputación financia as actuacións de Ailá e 9Louro no marco da XV Festa dos Mozos e Mozas do Campo Lameiro

Os espectáculos terán lugar a partir das 19:00 horas no marco de +Música, un programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

03/09/2026

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 6 de setembro un dobre espectáculo musical para celebrar a XV edición da Festa dos Mozos e Mozas do Campo Lameiro a cargo das bandas Ailá e 9Louro. Os espectáculos están financiados a través da nova edición de +Música, un programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. Ambas as dúas actuacións terán lugar na Praza do Concello da localidade.

O primeiro grupo en actuar da man do +Música este domingo será Ailá, banda compostelá que gañou en 2023 o premio Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional e foi seleccionado para representar a Galicia no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024, no WOMEX 2023, no Festival Interceltique de Lorient 2023 e no Celtic Connections de Glasgow 2020. A súa proposta está inspirada no respecto á tradición e á música patrimonial galega, cunha visión sen fronteiras, mesturada con ritmos e cores doutros lugares e doutras culturas, aberta ao mundo sen complexos. A banda presentará o seu cuarto traballo discográfico, “Tradimensional”, unha homenaxe ás vivencias personificadas nas mestras pandeireteiras, nos tocadores de instrumentos e nas bailadoras que souberon desfrutar e transmitir este patrimonio colectivo. A súa actuación terá lugar ás 19:00 horas.

A Festa dos Mozos e Mozas continuará arredor das 22:15 horas da man do programa provincial coa actuación de 9Louro, un dos representantes da nova xeración da música urbana galega. A súa proposta para a xira de “Amorrer” (o seu segundo LP) combina música urbana con influencias de trap, funk brasileiro, afro-beat, reguetón, bachata e pop, con sensibilidade emocional e letras íntimas e honestas que abordan o amor, o desamor, os vínculos humanos e as inseguridades persoais. Traballa cunha estética minimalista pero moi coidada, onde combina producións caseiras con sons modernos e experimentais, creando unha atmosfera cálida e melancólica, pero tamén bailable.

Estes espectáculos son dúas das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.