A Deputación de Pontevedra ve motivada a prórroga do convenio de Finca Matías por parte do Concello de Vigo e convocará a comisión de seguimento para impulsala

Os servicios técnicos provinciais amosan a súa conformidade co documento remitido polo goberno local, quen recoñece que tardou un ano e medio en tramitar a actuación

20/08/2026

A Deputación de Pontevedra ve motivada a prórroga do convenio de Finca Matías por parte do Concello de Vigo e convocará a comisión de seguimento para impulsala

A Deputación de Pontevedra considera motivada a prórroga do convenio para a construción do parque de xogos de Finca Matías despois de que o Concello de Vigo remitise á institución provincial o acordo aprobado o pasado venres pola xunta de goberno local para ampliar o prazo de execución ata o 30 de setembro de 2027.

Tal e como avanzou a vicepresidenta, Luisa Sánchez, os servizos técnicos provinciais analizaron a documentación e “non aprecian inconveniente” en dar por xustificada a prórroga solicitada polo goberno local. En consecuencia, amosou a súa satisfacción por este paso adiante, ao que seguirá a convocatoria da comisión de seguimento do convenio para emitir o informe preceptivo e impulsar a prolongación do prazo.

Neste sentido, a representante provincial en Vigo lembrou que o propio convenio establece no seu punto undécimo que, se as obras non estivesen rematadas o 30 de setembro de 2026, poderá acordarse unha ampliación do prazo dun ano “previa emisión dun informe da comisión de seguimento”.

Na documentación remitida, o Concello recoñece que tardou un ano e medio en tramitar a actuación. En concreto, o acordo municipal recolle que o convenio coa Deputación foi asinado o 23 de decembro de 2024, pero o goberno local non adxudicou as obras ata maio de 2026. Ademais, sinala que os traballos non comezaron ata o 29 de xuño, polo que a súa finalización non está prevista ata febreiro de 2027.

A Deputación reservará 5 millóns para Vigo en 2027

Luisa Sánchez adiantou que a reunión co goberno local de Vigo tamén servirá para abordar outros dous asuntos. Por unha banda, sinalou que cómpre revisar a situación dos convenios correspondentes a 2026, co obxectivo de “axilizar a súa tramitación” e “concretar os investimentos que o goberno local ten aínda pendentes para o presente ano” por valor de 5 millóns de euros.

Ademais, Luisa Sánchez trasladará persoalmente ao Concello de Vigo a garantía de que o orzamento da Deputación de Pontevedra para 2027 reservará outra partida de 5 millóns de euros para novos convenios coa administración municipal.