A Deputación achega 35.000 euros ao Concello do Campo Lameiro para o acondicionamento interior e exterior do Centro Social de Couso

Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello 800.000 euros ao sumar máis de 470.000 euros do 2026 e o adianto de 330.000 euros da liña de investimentos do 2027

30/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de 35.000 euros para que o Concello do Campo Lameiro faga fronte ás obras de acondicionamento interior e exterior do Centro Social de Couso. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello 800.000 euros ao sumar máis de 470.000 euros do 2026 e o adianto de 330.000 euros da liña de investimentos do 2027.

Cos recursos provinciais o Concello afrontará unha rehabilitación integral do Centro Social, actuando sobre a envolvente exterior (incluíndo o saneamento da fachada de pedra) e renovando por completo os revestimentos, a carpintaría e as instalacións interiores para a súa posta a punto e, ao tempo, dar cumprimento á normativa actual.

Máis polo miúdo, nas fachadas procederase ao picado mecánico de xuntas e ao rexuntado manual con morteiro de cal de altas prestacións, á reparación de fisuras e á aplicación dun tratamento para garantir a impermeabilización fronte á chuvia sen alterar a estética tradicional do edificio. Ademais, procederase a restaurar a actual porta exterior de madeira e a crear unha nova esclusa de acceso, farase unha renovación eléctrica integral, ocultaranse as instalacións de fontanaría e dotarase ao edificio de extintores portátiles. Por último, no relativo aos revestimentos e acabados interiores, executarase un falso teito, sanearanse os tabiques e procederase a pintar paredes e teitos.