A Deputación destina máis de 75.000 euros ao Concello de Caldas de Reis para o alumeado da contorna da igrexa de Santo Tomás e unha pasarela peonil sobre o río Bermaña
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis de 1,4 millóns de euros ao sumar os preto de 830.000 euros do 2026 e o adianto de preto de 580.000 da liña de investimentos do 2027
28/07/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas achegas por valor de máis de 75.000 euros destinadas ao Concello de Caldas de Reis para financiar integramente tanto o alumeado do exterior da Igrexa de Santo Tomás e da súa contorna como a execución dunha pasarela peonil sobre o río Bermaña. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis de 1,4 millóns de euros ao sumar os preto de 830.000 do 2026 e o adianto de preto de 580.000 euros da liña de investimentos do 2027.
Por unha banda investiranse preto de 50.000 euros no alumeado do exterior da Igrexa de Santo Tomás, así como dos bancos e da súa contorna. Deste xeito, cos recursos provinciais instalaranse catro báculos para a colocación de proxectores e tamén substituirase a iluminación fluorescente existente por unha nova indirecta mediante tiras led.
Para a execución dunha pasarela sobre o río Bermaña a Deputación de Pontevedra destina máis de 25.000 euros do Plan +Provincia. Esta pasarela peonil, de estrutura metálica, ten por obxectivo unir o paseo da Tafona coa rúa Sarnadela e ofrecer unha alternativa de acceso ao Fogar do Maior, que se instalará nesa mesma rúa tralo cambio das súas instalacións desde a travesía de San Roque.