A Deputación inicia este luns o seminario en colaboración coa UNED para analizar o vínculo entre Castelao, A derradeira leición do mestre e a diáspora galega en América

Co título ‘Arte, exilio e memoria’, desenvolverase en dúas xornadas, con catro conferencias, unha mesa redonda e dúas mesas de debate

19/06/2026

A Deputación de Pontevedra e a UNED Pontevedra organizan os próximos luns 22 e martes 23 de xuño o seminario ‘Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira leición do mestre e a emigración galega en América’. O Museo de Pontevedra acolle esta cita na que participan algúns dos maiores expertos na figura de Castelao e nos vínculos entre Galicia e América a través da diáspora, nunha actividade vinculada á exhibición do simbólico cadro de Castelao que se realiza uns días antes da inauguración desta exposición no Edificio Castelao.

O seminario desenvolverase o luns 22 de 17:00 a 20:00 h e o martes 23 de 16:00 a 20:30 h. A asistencia pode ser presencial ou en liña. A inscrición pode realizarse a través da plataforma de actividades de extensión universitaria da UNED: https://extension.uned.es/actividad/51649&idioma=ga. O seminario está dirixido por Agar Ledo Arias e coordinado por Rafael Cotelo Pazos. Está aberto a toda a cidadanía.

A través deste seminario preténdese analizar a obra de Castelao non só como unha creación artística de gran valor simbólico, senón como un reflexo da memoria colectiva do exilio e do papel que desempeñou a diáspora galega en América na conservación da súa identidade cultural. Abrirase o luns 22 coa conferencia do catedrático de Historia contemporánea da USC Ramón Villares, co título “Castelao, de ‘xenial artista’ a líder político”. Nela abordará a vida, pensamento e compromiso político de Castelao e o vinculo entre a súa creación artística e o seu rol como principal figura do galeguismo. Seguirao a conferencia de Xosé Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, na que trazará unha biografía intelectual de Castelao ligada ao exilio republicano galego en América tras a Guerra Civil e a puxanza de Bos Aires e Montevideo como centros culturais do galeguismo. A primeira xornada pecharase cunha mesa de debate arredor do contidos destas dúas conferencias.

A xornada do martes 23 de xuño vaina abrir José María Leal Bóveda, doutor pola USC, coa conferencia “De Galicia a América: emigración, asociacionismo e cultura na diáspora”, na que afondará na vida das comunidades galegas en América e o papel dos centros galegos. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, intervirá a continuación para realizar unha análise iconográfica, artística e simbólica do cadro A derradeira leición do mestre e a representación do fusilamento de Alexandre Bóveda.

O seminario pecharase cunha mesa redonda sobre Castelao, a diáspora galega, a memoria cultural e a construción da identidade na Galicia exterior. Estará moderada por Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, e nela participarán Alberto Vázquez López e Cristian Moares, da xunta directiva do Centro Galicia de Buenos Aires.

Este seminario forma parte da programación paralela da exposición “Castelao. A derradeira leición do mestre”, que se inaugurará o 25 de xuño no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e na que se exhibirá, ata o 27 de setembro, o icónico lenzo que Castelao pintou en Bos Aires en 1945. A mostra exporá este cadro xunto ao debuxo do álbum Galicia mártir no que se baseou e outros elementos da colección do Museo que lle dan o contexto adecuado para a súa interpretación.