A Deputación leva este venres ao Auditorio de Marín un concerto de Carlos Núñez enmarcado no ciclo Son Verán
A actuación, con todas as prazas esgotadas, terá lugar ás 20:00 horas e forma parte do ciclo provincial Son Verán que remata este mes de setembro con concertos en Cangas de Morrazo, Redondela e O Porriño
14/09/2026
A Deputación leva este venres ao Auditorio de Marín un concerto de Carlos Núñez enmarcado no ciclo Son Verán. A actuación, con todas as prazas esgotadas, terá lugar ás 20:00 horas e forma parte deste ciclo provincial que se pecha este mes de setembro con concertos en Cangas de Morrazo, Redondela e O Porriño, tras organizar ao longo do verán 13 actuacións en 8 comarcas da provincia.
O ciclo da Deputación Son Verán presta especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes, con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia programación habitual da Deputación. Conta con catro grandes bloques, ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo, e comezou o 24 de xullo cun concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegou aos concellos de Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa. “Querida Montserrat, querido Luciano” desfrutouse en Caldas de Reis, Forcarei e Vilanova de Arousa, The Crass ofreceu un concerto en Cerdedo Cotobade, Queiman Folk en Valga e Laroá en Ribadumia.
En setembro, Son Verán chega a Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. A Guarda acolleu xa un concerto de Laroá e As Neves outro de Roi Casal, que tamén se poderá escoitar o 20 de setembro na praza da Casa da Torre de Redondela. Ademais, Carlos Núñez tamén ofrecerá o seu espectáculo durante este mes no porto de Aldán de Cangas de Morrazo (proximamente comunicarase a data) e Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 26 de setembro cun espectáculo de Queiman Folk na praza Arquitecto Palacios do Porriño.