A Deputación abre un punto de información turística no Mosteiro de Armenteira

A institución provincial acaba de asinar un convenio co Arcebispado de Santiago de Compostela e a Comunidade de Irmás Cistercienses para prestar o servizo de información turística

02/07/2026

A Deputación abre un punto de información turística no Mosteiro de Armenteira

A Deputación de Pontevedra abre un punto de información turística no Mosteiro de Armenteira, no Concello de Meis. A institución provincial acaba de asinar un convenio co Arcebispado de Santiago de Compostela e a Comunidade de Irmás Cistercienses para prestar desde o mosteiro o servizo de información turística. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, e o de Fondos Europeos, Javier Tourís, visitaron o recinto monástico onde adiantaron que o acordo terá vixencia de dous anos, ata finais de xuño de 2028, e poderase prorrogar por prazos anuais ata alcanzar un período máximo de catro anos.

O punto de información turística, xa operativo, ocupa un espazo de 12 metros cadrados que se atopa na entrada do Mosteiro de Armenteira. Neste espazo, a Deputación de Pontevedra prestará a actividade de información turística aos visitantes que accedan ao mosteiro, dando a coñecer ademais os recursos turísticos da provincia, entre os que destaca o patrimonio cultural, arquitectónico e relixioso.

O horario de atención do punto de información turística nos meses de xullo e agosto será de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas de martes a sábado, respectando os tempos de maior afluencia de visitantes e tendo en conta o horario de apertura do claustro. Ademais de achegar información turística da provincia, desde este espazo tamén se poderán xestionar visitas guiadas ao claustro e á igrexa do Mosteiro de Armenteira.

 

 

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.