A Deputación alíase co Porto de Vigo para converter á cidade olívica en setembro nun dos puntos de saída da gran regata oceánica La Solitaire du Figaro
Trátase dunha regata de gran tradición e prestixio, considerada como o berce dos grandes regatistas que máis tarde afrontan desafíos de volta ao mundo. Os peiraos olívicos darán a benvida a unha flota composta por 40 monocascos oceánicos da clase Figaro 3, na que será a final da 2ª etapa e o inicio da 3ª
16/05/2025
A Deputación de Pontevedra alíase co Porto de Vigo para converter á cidade olívica, entre o 18 e o 21 de setembro, nun dos puntos de saída da gran regata oceánica La Solitaire du Figaro Paprec, unha das grandes regatas oceánicas internacionais que está considerada berce dos grandes regatistas que máis tarde afrontan desafíos de volta ao mundo. Para a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, "trátase dunha oportunidade para seguir avanzando no obxectivo que temos marcado na Deputación de Pontevedra para converter a Vigo e ao conxunto da provincia no mellor escenario para a práctica deportiva do mundo".
Vinte anos despois da saída da Volta ao Mundo en 2005, as Rías Baixas e Vigo, grazas ao Porto de Vigo e á Deputación de Pontevedra, volverán vibrar cunha regata de enorme tradición e prestixio, que este ano celebra a súa 56ª edición. "Esta ría e o conxunto das Rías Baixas son o escenario ideal para a práctica de deportes náuticos e, sen dúbida algunha, probas como La Solitaire du Figaro contribuirán a espallar as vantaxes competitivas da nosa provincia para poder gozar deste deporte os 365 días do ano e servirán como revulsivo turístico de primeira orde", asegurou Sánchez. Neste eido, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, subliñou que "para o Porto de Vigo é un orgullo acoller unha das etapas de La Solitaire du Figaro 2025, unha das regatas offshore máis emblemáticas do calendario internacional".
Vigo, final da etapa 2 e inicio da etapa 3
Procedentes da Bretaña francesa, desde a Bahía de Morlaix –á entrada do Canal da Mancha-, e tras dobrar o faro de Birvideaux, ao norte da illa atlántica de Belle-île-en-Mer, a flota porá rumbo a Fisterra, descendendo logo a costa galega ata acadar as Rías Baixas. Será unha etapa de 565 millas náuticas (1.046 quilómetros), con entrada oficial entre os faros de Tofiño e Borneira, que marcan o acceso ao Porto de Vigo.
Sánchez subliñou que "a ría de Vigo é un espazo privilexiado polo seu valor natural, paisaxístico e tamén polo seu enorme potencial como motor de desenvolvemento económico sostible, sendo os deportes náuticos un elemento tractor. Por iso desde a Deputación de Pontevedra estamos a traballar para captar eventos como este, como La Solitaire du Figaro, porque somos moi conscientes da pegada importante que deixan na nosa economía". Pola súa banda, Botana destacou o compromiso do porto coa cidade: "esta cita reforza a nosa vocación náutica e consolida a Vigo como un porto de referencia no Atlántico europeo. A chegada da flota traerá consigo un gran dinamismo económico e social, ao tempo que permitirá á cidadanía achegarse ao mundo da vela oceánica".
Tras entrar pola ría de Vigo o próximo 18 de setembro, as dársenas do porto volverán encherse de vida coa chegada dunha flota de 40 monocascos oceánicos da clase Figaro 3. Durante catro días, tanto os pantaláns como o village –deportivo, cultural e lúdico para os máis mozos, ademais do gastronómico, grazas á campaña "Galicia sabe aMar" da Xunta de Galicia – serán o epicentro da actividade náutica e cidadá.
Sánchez asegurou que "o goberno provincial activou xa todas as engrenaxes para que esta saída desde Vigo de La Solitaire du Figaro sexa todo un éxito" e, na mesma liña, se posicionou o presidente da Autoridade Portuaria quen adiantou que "estamos traballando con ilusión para ofrecer aos regatistas, técnicos e visitantes unha experiencia inesquecible, cunha infraestrutura portuaria de primeiro nivel e unha cidade que vive o mar con paixón". Ambos dirixentes subliñaron a importancia da etapa para situar a Vigo no mapa deportivo internacional e impulsar a súa proxección turística a través dunha regata que une dúas rexións irmandadas como son Galicia e a Bretaña francesa.
A gran saída
O domingo 21 de setembro será o gran día: a despedida da flota desde os peiraos do porto e, posteriormente, a saída dos 40 veleiros desde o corazón da ría de Vigo, coa cidade e a ponte de Rande como pano de fondo. Unha estampa inesquecible que evocará momentos históricos como a Volvo Ocean Race no 2005 ou a Cutty Sark en 1998.
"Convidamos a toda a cidadanía a desfrutar desta xornada e do ambiente que se vivirá na cidade" remarcou a vicepresidenta provincial. Pola súa banda, Botana asegurou que "queremos que o Porto de Vigo sexa eses días unha gran festa, non só deportiva, senón tamén cultural".