A Deputación destina 400.000 € para mellorar e ampliar os servizos básicos e os camiños de varias parroquias de Ribadumia
O deputado Javier Tourís detallou que a institución provincial aprobará este venres en Xunta de Goberno dúas axudas económicas para Ribadumia no marco do Plan +Provincia para financiar integramente esta actuación
15/10/2026
O deputado provincial Javier Tourís visitou Ribadumia onde adiantou que a Deputación de Pontevedra financiará integramente as obras de mellora e ampliación dos servizos básicos e os camiños nas parroquias de Lois, Ribadumia, Besomaño, Leiro e Barrantes. O organismo provincial aproba este venres dúas axudas económicas por valor de 400.000 euros para financiar integramente estas melloras no marco do Plan +Provincia, o plan de cooperación municipal que este ano destina a Ribadumia preto dun millón de euros.
Con estes fondos, o concello de Ribadumia levará a cabo obras para dar mellor seguridade a varios tramos de camiños municipais de diferentes parroquias da vila. Deste xeito, coa actuación ofrecerase un mellor servizo e dotarase dunha maior accesibilidade a diversas parcelas con vivendas, así como se posibilitará o tránsito cara parcelas agrícolas.
Ao detalle, cos recursos da Deputación de Pontevedra ampliarase e mellorarase un camiño no lugar de Noval e a Travesía Castaños. Ademais, ampliaranse e melloraranse servizos na rúa Medoña, na rúa Trastada e na rúa Bouza, así como no núcleo de Freixo e na rúa Casaldarnos. Tamén se mellorará a contorna da igrexa de San Fins de Lois e o camiño de acceso ao núcleo de Outeiro e executarase un muro de contención e mellorarase a rede de recollida de pluviais na contorna do núcleo de Seara.
