A Deputación aproba 240.000 euros do Plan +Provincia para novos investimentos en Bueu e Cuntis

Cuntis recibirá preto de 240.000 euros para a mellora dos camiños municipais e Bueu preto de 65.000 € para a sala de interpretación do Bueu romano

21/08/2026

A Deputación aproba 240.000 euros do Plan +Provincia para novos investimentos en Bueu e Cuntis

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas achegas por valor de preto de 500.000 euros para os concellos de Bueu e Cuntis no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, anunciou que Cuntis contará con 237.000 euros para a mellora dos camiños municipais e Bueu 65.000 € para as obras complementarias da sala de interpretación do Bueu romano no xacemento de Pescadoira.

Cuntis fará fronte ás obras de mellora de camiños municipais situados nas parroquias de Arcos, Cuntis, Estacas, Portela e Troáns, concretamente nos núcleos da Bragaña, Calvos, O Campo, Arrotea, Novás, O Casal, Vilabar de Abaixo, Lornes, Cornado, A Casiña e Portela. Trátase de actuacións de mellora da capa de rodaxe, do sistema de evacuación de augas pluviais e da sinalización das vías.

Bueu empregará os recursos provinciais á execución das obras complementarias no xacemento romano de Pescadoira coa instalación dunha cuberta téxtil impermeable que protexerá os restos da intemperie e da degradación ambiental, así como traballos de musealización, accesibilidade e iluminación. Instalarase unha pasarela metálica que continuará a xa instalada, permitindo un tránsito fluído e seguro por enriba das ruínas, e tamén se limpará e se reparará a estrutura do muro perimetral, instalando ademais un sistema de iluminación exterior tipo baliza para a posta en valor do xacemento.

Rafa Domínguez sinalou que “avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando, con total autonomía dos concellos para que fagan realidade as súas prioridades”.

videos