A Deputación aproba 1,4 millóns de euros do Plan +Provincia para novos investimentos no Grove, Pontecesures, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa

O Grove contará con preto de 490.000 € para a mellora de sete vías do núcleo urbano, Pontecesures con máis de 70.000 € para a mellora dunha vía no Rial, Sanxenxo con 710.000 € para humanizar o núcleo rural do Outeiro, e Vilagarcía de Arousa con 130.000 € para a mellora do camiño A Renza e a travesía Nogueirido

14/08/2026

A Deputación aproba 1,4 millóns de euros do Plan +Provincia para novos investimentos no Grove, Pontecesures, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno catro achega por valor de 1,4 millóns de euros para os concellos do Grove, Pontecesures, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que O Grove contará con preto de 490.000 € para a mellora de sete vías do núcleo urbano, Pontecesures con máis de 70.000 € para a mellora dunha vía no Rial, Sanxenxo con 710.000 € para humanizar o núcleo rural do Outeiro, e Vilagarcía de Arousa con 130.000 € para a mellora do camiño A Renza e a travesía Nogueirido.

Máis polo miúdo, no Grove as obras afectan as rúas Peralto, Rapeta, Outeiriño, Montiño, Concepción Arenal (dous tramos) e mais a Travesía da Platería, unha zona que conforma un tecido urbano residencial e comercial de alta densidade e con tráfico preferentemente peonil. Estes consistirán na renovación do pavimento das vías e da rede de saneamento, substituíndo a rede unitaria actual por unha nova rede separativa completa. Esta, na Travesía da Platería, será de nova planta, xa que na actualidade non conta con este servizo.

No caso de Pontecesures, o proxecto de mellora e rehabilitación de beirarrúas e da vía no Rial contempla unha actuación integral dotada dun orzamento e deseñada para renovar por completo esta vía mediante a reparación do firme, a pavimentación en formigón desactivado das novas beirarrúas de 1,80 metros de ancho e a actualización das redes de servizos, alumeado e recollida de augas pluviais para garantir unha maior accesibilidade, seguridade e confort para veciños e viandantes.

Ademais, en Sanxenxo o proxecto de humanización do núcleo rural do Outeiro, en Dorrón abrangue unha superficie de 2.458 metros cadrados e busca transformar os viarios nunha contorna de plataforma única centrada na prioridade peonil. A actuación inclúe a renovación integral dos firmes, a modernización das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, electricidade e telecomunicacións, ademais da mellora da eficiencia enerxética con nova iluminación LED, sinalización e mobiliario urbano para revalorizar este espazo público.

Por último, no camiño da Renza, na parroquia de Sobrán, realizarase unha rehabilitación superficial que comprende a limpeza integral, o fresado do asfalto antigo, a regularización da rasante e o estendido dunha nova capa de rodaxe de 5 centímetros, complementada coa renovación dos elementos de drenaxe —como sumidoiros e grellas— e o repintado da sinalización horizontal e vertical. Pola súa banda, na travesía de Nogueirido, en Bamio, levarase a cabo unha intervención integral desde a base, que inclúe a escavación do terreo, a colocación dunha nova fundación de saburra artificial compactada, a pavimentación asfáltica e a sinalización definitiva para garantir unha vía totalmente renovada e segura para a veciñanza.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou o presidente Luis López.

audios