A Deputación aproba 750.000 do Plan +Provincia para financiar actuacións e gasto corrente dos concellos da Caniza, As Neves, Ponteareas e O Rosal
A Caniza completará os máis de 680.000 € que recibiu no Plan Extra 2025 para a mellora da accesibilidade en Rosalía de Castro e Bueixos cunha nova inxección de 360.000 €
10/07/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno catro achegas por valor de máis de 750.000 euros para os concellos da Caniza, As Neves, Ponteareas e O Rosal no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que os recursos provinciais permitirán financiar catro actuacións que repercutirán na mellora de diversos espazos e infraestruturas públicas municipais, entre eles a actuación financiada pola Deputación na Caniza no marco da segunda convocatoria do Plan Extra – Provincia Extraordinaria.
A Caniza recibirá preto de 360.000 € para a mellora da accesibilidade en Rosalía de Castro e Bueixos. Con estes recursos, a actuación pasa a estar integramente financiada pola Deputación, sumándoos aos máis de 682.000 € que obtivo a través do Plan Extra e cun investimento total dun millón de euros. A actuación permitirá aumentar a superficie de mobilidade peonil e reducir a dedicada aos vehículos. A zona contará con plataforma única, con espazos delimitados para cada tipo de tránsito, e dotarase de mobiliario urbano como bancos de granito ou de estrutura metálica e respaldos de madeira, papeleiras e bolardos. Tamén se plantarán especies vexetais autóctonas, como carballos e magnolios, e se conservarán exemplares xa existentes, renovarase a iluminación e levaranse a cabo pequenas actuacións superficiais nas redes de drenaxe e saneamento.
O Rosal levará a cabo un plan de reformo do firme de varios camiños municipais cunha inxección de preto de 200.000 € do Plan +Provincia. Os camiños afectados polas obras de reforzo do firme son os seguintes: en Santa Mariña do Rosal, o camiño das Cavadas, a estrada da Mó, o lugar da Cachada, o camiño da Caneda, a estrada de Couselo e o camiño do Esteiro. En San Miguel de Tabagón, o camiño da Cumeira, o camiño da Cega e o camiño Xogo dos Bolos. Por último, en San Bartolomeu das Eiras, a baixada a Loureiros. Mellorarase a mobilidade e a seguridade viaria para conseguir un espazo cómodo e transitable para vehículos e peóns. Os traballos consistirán na limpeza das marxes e reapertura das cunetas en terra, a eliminación parcial mediante fresados dos entronques e os encontros e cruces con outras vías, a renovación da pavimentación e a renovación da sinalización horizontal e vertical.
As Neves recibirá preto de 100.000 € do Plan +Provincia para financiar a humanización do Torreiro do Tortoreos, conseguindo mellorar a seguridade viaria nesta zona. Remodelarase o espazo con novos pavimentos (lousa de granito, formigón colorado e lastros) e a mellora da rede de pluviais, así como a iluminación, e a instalación de novo mobiliario urbano.
Por último, Ponteareas recibirá máis de 95.000 € para financiar o gasto corrente derivado da súa programación cultural, concretamente do Festival de Jazz, o programa Ponteareas de Cine, o Festival Groba, o Festival Danzando entre Culturas e o programa Bailotea.
“Cada semana estamos máis preto de completar os 85 millóns de € cos que conta este plan, que como saben conta coa liña de investimento correspondente ao ano 2027 para que os concellos poidan garantir xa este ano os seus proxectos máis ambiciosos”, sinalou Luis López.
