A Deputación completa o financiamento da nova pista cuberta de pádel de Vilaboa cunha nova achega de máis de 100.000 euros do Plan +Provincia
O presidente Luis López lembrou que as instalacións xa recibiron unha axuda provincial de 110.00 euros no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
24/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres unha nova achega de máis de 100.000 euros do Plan +Provincia para completar o financiamento da nova pista cuberta de pádel que está a proxectar o Concello de Vilaboa. Esta achega súmase á concedida fai escasamente dúas semanas no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, na que o concello empregou os máis de 110.000 euros que ten á súa disposición dentro da terceira convocatoria tamén para financiar a construción destas instalacións deportivas.
Grazas ao impulso da Deputación, Vilaboa poderá impulsar a construción dunha pista de pádel panorámica con cuberta nunha zona que funciona hoxe en día como aparcamento ocasional. En concreto, o proxecto contempla a preparación completa do terreo, a execución dunha soleira de formigón e a instalación dunha pista de pádel de 20 por 10 metros con peche de vidro temperado, estrutura metálica, iluminación e pavimento de céspede artificial. No relativo á cuberta, que busca que a pista sexa accesible todo o ano, será metálica de aceiro laminado, con perfís estruturais dimensionados para garantir estabilidade e durabilidade. A actuación completarase co acondicionamento da contorna, pintando novas prazas de aparcamento e delimitando o espazo. Por último, procederase a instalar un sistema automatizado de reservas, control de accesos e iluminación.
Luis López sinalou que “non hai Xunta de Goberno na que non afondamos na prioridade que debe ter unha institución coma esta: a cooperación cos concellos”, e lembrou que os dous plans suman un investimento de 93 millóns de euros (85 millóns do Plan +Provincia 2026-2027 e 8 do PEID). En canto ao PEID, o presidente da Deputación asegurou que grazas a estas axudas “temos infraestruturas municipais preparadas para acoller competicións de todas as modalidades e disciplinas, e clubs que fomentan a práctica deportiva desde a canteira ata a elite”.
