Asociación Autismo Bata

Obxecto da entidade

Prestarlles apoio a persoas con autismo

Persoas destinatarias

  • Persoas con autismo

Áreas de intervención

Área Infanto-Xuvenil:

  • Unidade de Apoio en Contextos Naturais: Orientado a prestarlles apoio a familias e persoas no espectro do autismo (de 18 meses a 18 anos) nas súas contornas naturais (familiar, educativa e comunitaria) e promover o benestar emocional, o desenvolvemento cognitivo, a inclusión na comunidade, a creación de redes sociais de apoio, a participación social e a defensa dos seus dereitos.
  • Centro de Educación Especial Bata–Os Mecos: Orientado a mellorar a calidade de vida do alumnado con TEA e das súas familias, asumindo o compromiso de deseñar programacións e estratexias de intervención en todo o ámbito educativo, tendo en conta a etapa educativa como un momento clave no que debemos promover a inclusión para acadar unha plena calidade de vida do noso alumnado e das súas familias. O servizo está dirixido a persoas con TEA de 3 a 21 anos.
  • Unidade de Avaliación, Diagnóstico e Orientación: Levamos a cabo avaliacións diagnósticas e ofrecemos orientacións co obxectivo de desenvolver intervencións eficaces e adaptadas ás competencias e necesidades de cada persoa.

    Poñemos á disposición unha carteira de servizos que responde ás necesidades das persoas e das súas familias, atendendo a demandas de diagnóstico, detección temperá, avaliación cognitiva ou solicitudes de orientación, tanto para familias coma para persoas adultas no espectro do autismo e en todos os rangos de idade.

Área de Vida Adulta:

Esta área préstalles apoio a persoas adultas con autismo:

  • Servizo de día – Centro de Día Abuela Esperanza: Presta apoio en horario de 9:30 a 17:30 horas.
  • Apoio na Comunidade e Rede de Vivendas con Apoio: Pon á disposición das persoas con necesidades de apoio os recursos precisos para poder levar a cabo aqueles aspectos dos plans persoais de futuro directamente vinculados coa súa contorna social e co seu ocio persoal. O servizo dispón de tres vivendas comunitarias no centro de Vilagarcía de Arousa con seis persoas en cada vivenda.
  • Servizo de Emprego: Dispón dunha persoa orientadora laboral e doutra axente de emprego.
  • Programa Experiencias de Vida Adulta: Confórmase cun grupo de persoas mozas e adultas con autismo e diversas necesidades de apoio que se organizan (co apoio dunha ou dun profesional) para levar a cabo diferentes actividades co obxectivo de xerar experiencias significativas que incrementen o seu apoderamento e as súas competencias persoais.

Área de Contorna e Cidadanía:

Desde esta área poñemos en marcha actividades no fogar e de ocio inclusivas na contorna tendo en conta os seus intereses e preferencias, para proporcionar experiencias que contribúan ao desenvolvemento dunha vida independente.

  • Servizo de Apoio Familiar: Ten como misión proporcionar tempo para as familias e ofrecerlles ás persoas que acceden a el a posibilidade de gozar de actividades moi variadas coas que poder mellorar competencias e destrezas en diferentes aspectos da súa vida. Este servizo lévase a cabo de sábado a luns (48 horas).
  • Servizo de Ocio Comunitario: Pon á disposición das persoas con necesidades de apoio os recursos precisos para poder levar a cabo aqueles aspectos dos plans persoais de futuro directamente vinculados coa contorna social e o seu ocio persoal. Confórmano os seguintes programas:
    • Programa “Ocio sábados”: Dirixido a persoas usuarias dos servizos de Autismo Bata, persoas menores e adultas. Realízase durante vinte e cinco sábados ao ano, habitualmente polas tardes.
    • Programa “Ocio xullo”: Dirixido a persoas usuarias dos servizos de Autismo Bata de 6 a 21 anos. Realízase durante o mes de xullo polas mañás.

IMPORTANTE: Para máis información sobre os diferentes servizos e programas achegamos a seguinte ligazón: https://autismobata.com/que-hacemos/

Enderezo

  • R/ Moreira, 16, A Laxe, 36613 Vilagarcía de Arousa