Solidariedade Internacional de Galicia

Solidariedade Internacional de Galicia (SIG) é unha organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) creada hai máis de 25 anos por un grupo de persoas baixo a premisa de promover unha cooperación internacional progresista, de vangarda e con capacidade de provocar cambios profundos que dignifiquen a vida das persoas a partir dun traballo coherente e complementario en tres campos de actuación: a cooperación internacional ao desenvolvemento, a educación para a cidadanía global e o comercio xusto.

Ao longo da súa historia a organización puxo en marcha máis de sesenta proxectos de cooperación internacional en quince países, da man de trinta e seis organizacións locais. Traballa con máis de 7.500 estudantes de Galicia e inaugurou tres tendas de comercio xusto que, desde hai máis de dez anos, abren as súas portas cada día nas cidades de Ourense, de Pontevedra e da Coruña.

Hoxe, SIG constitúese como unha entidade composta por persoas que entenden a solidariedade coma unha forma de ser e estar no mundo. Aposta pola erradicación da pobreza e por unha redistribución equitativa dos recursos. Cre firmemente na educación como ferramenta de transformación social e nun modelo económico ao servizo de todas as persoas. Actúa de forma sostida, con eficiencia, relevancia e vocación transformadora para promover a solidariedade da sociedade galega para un desenvolvemento social compartido cos países do sur. A organización está composta por persoas comprometidas e convencidas do que fan, que se implican con ela e que cren no seu modelo de acción. SIG é responsable coas persoas e coa contorna e ten experiencia e profesionalidade.

Datos de contacto

Galerías da Oliva, local 4, 36001 Pontevedra