#CULTURA
A LUZ DE GALICIA
JUAN MORENO BADÍA
Sala de exposicións Maruja Mallo, sede da Deputación en Vigo
Do 8 de xullo ao 11 de setembro
Inauguración: o mércores 8 de xullo, ás 19:30 h
Nado en 1945 na cidade da Coruña. Realiza estudos de Arquitectura en Madrid entre 1964 e 1968. Desde 1968 a 1978 dedícase profesionalmente á pintura artística, con exposicións individuais en Madrid (Galería Toisón, Galería Internacional), Cuenca (casa da cultura, Sala Honda), Ibiza (Galería 5, Carl Van der Voort, Pussy Cat) e Ourense (Museo Arqueolóxico).
Desde entón, mantén a citada dedicación e realiza exposicións individuais en Vilagarcía de Arousa (Pórticos, Rivas Briones), Cuenca (Sala Alta), Brión (Hotel Compostela, casa da cultura), O Grove (Pedras Negras), Cambados (Pazo Torrado), Pontevedra (Pazo da Cultura, xunto con Juan Rivas), Cambados (Casa de Lupe), Grado, en Asturias (casa da cultura), Valga (auditorio), A Illa de Arousa (auditorio), Vilaxoán (Pazo de Sobrán), e colectivas, en lugares coma Madrid, Nova York, Oslo, Berlín, Zarza de Granadilla, Plasencia ou Durango.
Desde 1978, e desde 1986 como aparellador, comparte a súa ocupación coa construción. Colabora en distintos proxectos e obtén diferentes premios, entre os que destacan os Premios Europa Nostra 1991 e 2000.
Entre 1995 e 2010 desempeña o cargo de arquitecto técnico municipal en Brión.
A LUZ DE GALICIA
A pintura de paisaxe é un tema moderno.
Historicamente foi sempre supeditado a un argumento no cal aparecía como escenario.
Así aparece nas nosas vidas, servindo de contorna na que se nos sitúa sen que aparentemente teña gran significado.
Porén, é determinante.
En Galicia é totalmente artificial, labor do home na súa loita por acomodalo á súa existencia, e nesa loita vaino modificando, co que vai esquecendo tamén o seu significado.
Nesta exposición presento medio cento de aproximacións a esa contorna que nos acompaña, para min gratamente, e coa súa linguaxe expreso a miña forma de velo e sentilo.
Galicia é un país no que a terra e o mar se entrelazan, e así, nesta mostra, presento os dous estados, ata perderse nese continuo infinito…