A Deputación impulsa a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, que transformará Santa Clara nun espazo de creación contemporánea no verán de 2026 dentro da nova estratexia anual do Museo
A institución provincial reforza o seu proxecto cultural ampliando a Bienal cara as prácticas vivas e performativas, e activará un concurso público para escoller o comisariado da edición de Arte de 2027, avanzando nun modelo máis profesional, aberto e internacional
17/12/2025
A Deputación de Pontevedra anunciou hoxe un novo paso estratéxico na consolidación da súa política cultural coa presentación da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra 2026, unha nova cita que converterá o Convento de Santa Clara nun espazo activo de creación contemporánea durante o verán. Esta proposta intégrase no novo modelo da Bienal, que pasa a celebrarse cada ano alternando unha edición de Artes Plásticas nos anos impares e unha edición de Artes Vivas nos pares, fortalecendo así unha presenza cultural continua e unha programación estable ao longo de todo o ciclo.
O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, destacou que a creación desta Bienal de Artes Vivas responde a unha nova etapa de crecemento e modernización cultural da provincia: “A Bienal deixa de ser un acontecemento illado para converterse nunha estrutura anual, con continuidade e con vocación internacional. Apostamos por un modelo que dá estabilidade, que implica ao territorio e que sitúa a Pontevedra na conversa cultural contemporánea”, subliñou. Domínguez lembrou o éxito do programa piloto de Artes Vivas celebrado o pasado verán, que demostrou a capacidade das prácticas performativas para activar espazos, conectar coa cidadanía e incorporar novos públicos. Neste eido engadiu que “as artes vivas esixen presenza, escoita e participación. Son formatos que nos interpelan no agora e que nos permiten abrir Santa Clara á cidade dun modo completamente novo”.
A edición de 2026 estará comisariada por Iñaki Martínez Antelo, profesional de referencia no ámbito da arte contemporánea. O comisario avanzou que a programación reunirá proxectos de performance, danza, creación sonora, artes escénicas e prácticas híbridas. “Traballaremos coa idea de acontecemento vivo, da activación do territorio e da creación en diálogo coa arquitectura e a memoria do lugar. Santa Clara ofrece unhas condicións únicas para iso: historia, silencio, singularidade e unha contorna en transformación”, asegurou o comisario.
O Convento de Santa Clara, pertencente ao Museo de Pontevedra, será o núcleo desta Bienal. A súa arquitectura, a súa dimensión histórica e o seu proceso de transición cara á súa futura rehabilitación como espazo cultural permiten convertir o conxunto nun laboratorio de creación contemporánea. A Deputación confirmou que a programación artística foi deseñada para convivir sen interferencias cos traballos técnicos e estudos previos á rehabilitación, que continúan en paralelo.
Ademais da presentación da Bienal de Artes Vivas, a Deputación anunciou que nos vindeiros días se activará un concurso público para seleccionar o comisariado da Bienal de Arte 2027, a 33ª edición da historia da Bienal de Pontevedra. Este procedemento supón un cambio profundo na gobernanza cultural da institución, abrindo a selección a profesionais e equipos curatoriais mediante criterios técnicos: solvencia profesional, proposta conceptual, capacidade de internacionalización, viabilidade do proxecto e estratexias de participación cidadá.
“Queremos que a Bienal de Pontevedra funcione co nivel de profesionalización e transparencia das grandes bienais europeas. É unha aposta pola excelencia cultural, pola independencia artística e pola proxección internacional da provincia”, subliñou Domínguez.
Con esta dobre iniciativa —a creación da Bienal de Artes Vivas e a apertura do concurso de comisariado—, a Deputación consolida un calendario cultural continuo, diverso e contemporáneo, reforzando a identidade de Pontevedra como territorio de creación e proxectando a súa Bienal como un referente no contexto estatal e internacional.
