A Deputación obtén o certificado S de Sostibilidade para o Castelo de Soutomaior, que se converte na primeira fortaleza de Galicia en acadalo
O Castelo de Soutomaior é tamén o segundo museo galego en recibir a S de Sotibilidade, tralo Museo de Pontevedra, ámbolos dous xestionados polo organismo provincial
20/12/2025
A Deputación de Pontevedra obtén o certificado S de Sostibilidade para o Castelo de Soutomaior, que se converte na primeira fortaleza de Galicia en acadalo. Ademais deste fito, o recinto histórico tense convertido no segundo museo galego en recibir este certificado, tras conseguilo anteriormente o Museo de Pontevedra, ámbolos dous xestionados polo organismo provincial.
A S de Sostibilidade recoñece as boas prácticas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a xestión responsable do destino. Neste eido, que o Castelo de Soutomaior e o Museo de Pontevedra teñan conseguido o certificado revalida o compromiso da Deputación de Pontevedra coa sostibilidade e coa excelencia turística.
Por outra banda, o organismo provincial tamén acaba de recibir a notificación da renovación dos certificados Q de Calidade Turística das oficinas e puntos de información turística que conforman a rede provincial Info Rías Baixas e xa os tiñan conseguido: Palacete das Mendoza, A Estrada, Sanxenxo (porto deportivo), Cangas (Casa da Bola), Cambados, Baiona, Poio (Casal de Ferreirós), Vilanova de Arousa (Mar de Santiago) e A Illa de Arousa. Ademais, dúas máis conseguen o certificado por vez primeira: o punto de información turística de Nigrán -Dunas de Gaifar e a Oficina de Turismo de Bueu.