A Deputación abre este mércores o prazo para que as asociacións e entidades locais menores da provincia soliciten actuacións do programa Culturea para o 2026
A institución provincial dedica 1,2 millóns de euros á edición do próximo ano, o que supón un 50% máis de recursos no actual mandato respecto ao que recibía por parte do goberno anterior
16/12/2025
A Deputación de Pontevedra abre este mércores 17 de decembro o prazo para que as asociacións e entidades locais menores da provincia poidan solicitar a concesión de actuacións de grupos e artistas culturais ao longo de todo 2026 no marco do programa Culturea. Trala aprobación na última Xunta de Goberno da institución provincial, as bases da nova convocatoria do programa foron publicadas este martes no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, cun orzamento que se eleva aos 1,2 millóns de euros e que supón un incremento dun 50% no mandato en comparación co que recibía por parte do goberno anterior.
Cada entidade pode solicitar unha actuación do catálogo, un documento vivo e actualizado constantemente formado por propostas de numerosas disciplinas que se pode consultar no sitio web da Deputación. O prazo de solicitude permanecerá aberto durante todo 2026, sempre que haxa crédito dispoñible, co único requisito de que se faga cunha antelación mínima de 15 días previos á data de celebración da actividade.
Os grupos e artistas recibirán da Deputación un importe de entre 200 e 800 euros, segundo a súa categoría. As entidades beneficiarias só poderán solicitar actuacións para un evento mensual e un máximo de seis eventos anuais, mentres que a cada grupo só se lle poderá autorizar un máximo de 14 actuacións. Ademais, as entidades que así o soliciten poderán dispoñer de ata 50 carteis en formato A3.
A través do programa Culturea a Deputación de Pontevedra presta o seu apoio á promoción cultural de agrupacións ou asociacións da provincia de Pontevedra a través da concesión de actuacións de múltiples e variadas expresións artísticas. Durante o ano 2025 programáronse máis de 3.500 actuacións, fomentando o acceso deslocalizado a actividades que permiten difundir o patrimonio cultural galego.