A Deputación adxudica as obras na estrada Carballedo-Rebordelo, en Cerdedo Cotobade, por máis de 750.000 €
A Deputación acometerá a mellora da drenaxe e da seguridade en toda a vía, de 2,6 quilómetros de lonxitude, coa reposición de firmes e a execución e substitución de cunetas
07/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres o visto bo Xunta de Goberno provincial á adxudicación das obras na estrada Carballedo-Rebodelo (EP-0403), no concello de Cerdedo Cotobade, por un total de 753.000 euros. O presidente lembrou que a actuación abrangue a totalidade da vía, dunha lonxitude de 2,6 quilómetros, e terá un prazo de execución de seis meses.
Actualmente o sistema de drenaxe e o firme da estrada presentan danos que supoñen riscos para a seguridade viaria, e os traballos proxectados permitirán corrixir estes problemas. A drenaxe mellorarase a través da substitución das cunetas que se atopan en mal estado e da execución de novos tramos naquelas zonas onde na actualidade non existen. Unha vez executada a drenaxe, procederase á reposición dos firmes e á execución dun tramo de barreira de seguridade na marxe dereita. Finalmente, realizarase unha redistribución dos espazos mediante o pintado das liñas e, para separar a calzada da zona peonil, unha dobre liña continua con resaltos e captafaros.
1 millón de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
A adxudicación das obras na EP-0403 aprobada na sesión da Xunta de Goberno desta semana súmase á dos traballos que se realizarán na EP-5003 A Caniza-Arbo, en Arbo, cunha inxección de máis dun millón de euros entre as dúas. “Seguimos mobilizando recursos como nunca antes se vira para manter as nosas infraestruturas nas mellores condicións”, sinalou Luis López.
