A Deputación tramitou nun máximo de catro días hábiles as cinco alegacións presentadas á nova ordenanza fiscal que regulará a taxa de xestión de Residuos Sólidos Urbanos da Mancomunidade do Morrazo
As alegacións presentadas ao ORAL representan o 0,1% do total das rexistradas e tramitáronse en tempo e forma, sempre co obxectivo de garantir a seguridade xurídica do procedemento
17/12/2025
A Deputación de Pontevedra tramitou nun prazo máximo de catro días hábiles as cinco alegacións presentadas no ORAL á nova ordenanza fiscal que regulará a taxa de xestión de Residuos Sólidos Urbanos da Mancomunidade do Morrazo. As alegacións presentadas no organismo provincial representan soamente o 0,1% do total das 3.600 rexistradas e tramitáronse en tempo e forma, sempre co obxectivo de garantir a seguridade xurídica do procedemento.
O organismo provincial tamén sinala que o ORAL conta con oficinas físicas na zona: dúas nos concellos de Cangas do Morrazo e Moaña e outra auxiliar en Bueu que abre as súa portas ao público os xoves, nas que a cidadanía presenta documentación e tramita xestións. Nestes espazos non se rexistraron as cinco alegacións que, sen embargo, si foron presentadas a través da Oficina Virtual Tributaria, un espazo posto a disposición da cidadanía para pagar os seus impostos locais, taxas e multas que recibe anualmente máis de 84.000 presentacións electrónicas que son despachadas por rigoroso orde de entrada.
Pese a que a través da Oficina Virtual Tributaria o volume de rexistros adoita ser moi superior ás oficinas físicas do organismo, e que en certos períodos do ano (finais dos prazos de cobranza, emisións masivas de embargos, procedementos de variación catastral, etc.) os trámites adoitan ser maiores, as cinco alegacións rexistradas a través desta ferramenta tramitáronse con celeridade, entre os tres e os catro días, derivándose á Mancomunidade do Morrazo no prazo de alegacións, polo que o goberno provincial insta a Mancomunidade a manter o respecto aos empregados públicos provinciais, e mantelos alleos a dinámicas de confrontación política.