Luisa Sánchez fai un balance “moi positivo” da segunda edición do Galicia Fest, con cheo e un excelente ambiente nas dúas xornadas de concertos
27/06/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este sábado á última xornada da segunda edición do Galicia Fest, celebrado no porto de Vigo. Desde o Peirao de Transatlánticos, fixo un balance “moi positivo” do festival grazas ao “excelente ambiente” xerado por público e artistas. Neste sentido, Luisa Sánchez salientou o cheo que acadou o recinto do evento, con preto de 6.500 asistentes en cada unha das dúas xornadas de concertos.
Segundo expuxo, o Galicia Fest, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, ofreceu “unha experiencia musical de calidade e reforzou a súa posición como unha das grandes citas musicais do verán na cidade”. Nesta última xornada subiron ao escenario Álvaro de Luna, Juan Magán, Lori Meyers, Taburete, Marlena, Fredi Leis, Carla Lourdes e Vera Fauna, que completaron un cartel que reuniu artistas internacionais, nacionais, galegos e vigueses.

