A Deputación leva ao Palacete das Mendoza unha exposición de debuxos de Rudesindo Lago Taboada que dialogan coa convulsión da sociedade actual

A mostra “Os debuxos do escritor” nacen como un complemento da súa faceta como escritor e nela fala sobre as guerras, as catástrofes naturais ou o cambio climático

01/08/2026

A Deputación leva ao Palacete das Mendoza unha exposición de debuxos de Rudesindo Lago Taboada que dialogan coa convulsión da sociedade actual

A Deputación de Pontevedra abre ao público o próximo venres 7 de agosto a exposición “Os debuxos do escritor”, de Rudesindo Lago Taboada. Na mostra, que se poderá visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) ata o 23 de agosto, Lago amosa a súa visión sobre os tempos convulsos que está a vivir o mundo na actualidade, en alusión a episodios como as guerras, as catástrofes naturais ou o cambio climático.

Lago asegura que os protagonistas desta mostra son debuxos “feitos para descansar do boureo das verbas” e que cualifica como “instintivos, innatos e rebeldes”. As ilustracións parten do irreal, orixinal e distinto e actúan como un complemento á súa escritura “para tratar de saber de min e de todo o misterio inesgotable, que se encerra dentro de calquera ser humano habitante do planeta Terra”. Os debuxos de Rudesindo Lago son un espazo de reflexión creativa nas que o seu autor trata de comprender a “asombrosa” realidade que habita a sociedade actual, entre “o fragor das terribles guerras que non paran de sucederse nun espectáculo sanguinario e dantesco”, as catástrofes naturais “que case sempre cobran a vida dos máis humildes” e a “ameazadora espada de Damocles que, luxada polo cambio climático, pon en entretido a viabilidade da civilización humana”.

A exposición “Os debuxos do escritor” poderá visitarse desde o acto de inauguración do venres e, a partir do sábado 8, no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas en temporada de verán: de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, en horario continuo, e os sábados, domingos e festivos en horario partido de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.