O programa da Deputación “Degusta Europa” recala na praza de Baiona cos sabores das avoas

O alumnado do CIFP Manuel Antonio elaborou o menú para celebrar Europa a base de petiscos que mesturan receitas tradicionais e elaboracións de vangarda

03/05/2023

DEGUSTA EUROPA BAIONA

A Praza de Abastos Ángel Bedriñana de Baiona foi hoxe escenario dunha nova cita do programa da Deputación “Degusta Europa”. O deputado Santos Héctor e a deputada Iria Lamas, xunto co alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañaron á veciñanza da vila e ás persoas traballadoras do mercado para desfrutar das preto de 1.000 tapas elaboradas polo alumnado do CIFP Manuel Antonio con produtos de quilómetro cero. Tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, tacos de segredo de porco, t0rtaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo foron as degustacións que compuxeron o menú que o alumnado do centro vigués de formación profesional deseñou para  a ocasión.

Degusta Europa” busca celebrar o 9 de maio, data na que se conmemora o Día de Europa e a firma da “Declaración de Schuman”, tratado co que, en 1950, se fraguou unha nova forma de cooperación política en Europa. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor os produtos de quilómetro cero da provincia e dinamizar os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica da man do alumnado e o profesorado dos centros Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo. A edición deste ano está ligada á campaña de turismo “Orixe Rías Baixas” e rende unha homenaxe aos pratos das avoas da provincia, recuperando así receitas tradicionais e reinterpretándoas con produtos locais para defender o patrimonio inmaterial dos pobos da Unión Europea: a gastronomía.

Ademais de Baiona, o alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo foi o encargado de elaborar as tapas que se degustaron a pasada semana en Tui, e estarán nos fogóns na última cita deste ano, que terá lugar mañá no Mercado do Calvario en Vigo. Pola súa banda, os alumnos e alumnas do CIPF Carlos Oroza deseñaron e prepararon os menús das outras tres citas de 2023: Redondela, Cambados e Pontevedra.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.