O mercado do Calvario acolle o peche do programa “Degusta Europa” da Deputación cun menú de vangarda con produtos “Orixe Rías Baixas”

O alumnado do CIFP Manuel Antonio fíxose cargo dos fogóns e preparou ata 1.000 petiscos para festexar o Día de Europa

04/05/2023

DEGUSTA EUROPA Vigo

1.000 petiscos de tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, tacos de segredo de porco, t0rtaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo foron os protagonistas no Mercado do Calvario de Vigo do peche do programa da Deputación “Degusta Europa”. A presidenta Carmela Silva, o alcalde da cidade, Abel Caballero, o deputado e a deputada provinciais, Santos Héctor e Ana Laura Iglesias, xunto á veciñanza e as persoas traballadoras do mercado degustaron estes manxares preparados polo alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo no acto co que a Deputación celebra o Día de Europa, que se festexa cada 9 de maio coincidindo coa conmemoración da firma da “Declaración de Schuman” en 1950.

“Os mercados tradicionais da provincia, son os mellores, ao igual que o noso produto, tanto o do mar como o da terra” remarcou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, no peche de “Degusta Europa”, recordando o “especial” que é o Mercado do Calvario para ela, “porque é o meu, ao que viña de pequena, que comezou a funcionar a finais do século XIX e máis de 100 anos despois segue mantendo a súa esencia: calidade do produto, unha atención marabillosa e unha xente especial, tanto a que merca como a que vende”. Ademais, quixo aproveitar a ocasión para felicitar polo seu traballo ao CIFP Manuel Antonio, encargado destes petiscos “ incribles”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que o do Calvario é “un mercado moderno, cun produto estupendo e cunha forma de ser das persoas traballadoras espléndida” e ao que, como a presidenta, tamén lle unen recordos da infancia. Igualmente felicitou ao alumnado do centro Manuel Antonio polas súas elaboracións e “por poñer en valor” o produto que se vende nestes espazos. “A boa gastronomía precisa de bos cociñeiros e cociñeiras e de bo servizo, pero o máis importante é o produto, que aquí é o mellor que hai”, resaltou.

O programa “Degusta Europa”, que coa súa presenza no Calvario vén de pechar a edición deste ano, ten como obxectivo principal dinamizar os mercados e prazas municipais dándolles un toque de innovación e vangarda gastronómica, ademais de poñer en valor os produtos de quilómetros cero da provincia. E todo da man dos centros de formación profesional integrada Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra. Este 2023, o programa ligouse á campaña de turismo da Deputación “Orixe Rías Baixas”, polo que rendeu unha especial homenaxe á cociña tradicional e as receitas das avoas da provincia, que recupera e reinterpreta con produtos locais, co fin de defender e poñer en valor a gastronomía, un gran patrimonio inmaterial de Europa.

Ao longo das últimas semanas, “Degusta Europa” pasou polos mercados e prazas de abastos de Redondela, Cambados e Pontevedra, onde foi o alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra o que estivo ao cargo dos fogóns, e Tui, Baiona e Vigo, menús dos que se encargaron os rapaces e rapazas do CIFP Manuel Antonio de Vigo.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.