O programa provincial “Degusta Europa” enche o mercado de abastos de Pontevedra de tapas tradicionais traídas ao século XXI

Carmela Silva: “Trátase de celebrar que formamos parte da Unión Europea e do patrimonio inmaterial que nos identifica, a gastronomía, sinal de identidade ademais das Rías Baixas”

21/04/2023

Degusta Europa Pontevedra

A cociña das avoas tomou hoxe o Mercado de Abastos de Pontevedra no marco do programa “Degusta Europa”, que a Deputación de Pontevedra celebra para conmemorar o Día de Europa, no que se firmou a “Declaración de Schuman”, en 1950. Empanada de bacallau con pasas, torradas de sardiña con pementos e patacas, sopa de burro canso, larpeira, ponche de Sansón e Queimada 4.0. foron os petiscos que puideron desfrutar a veciñanza da vila e persoas traballadoras do mercado municipal xunto coa presidenta, Carmela Silva, o tenente alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, e os concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey.

“Trátase de celebrar que formamos parte da Unión Europea, de celebrar aquelas cousas que nos identifican –asegurou a presidenta provincial-. E se hai un patrimonio inmaterial que nos identifica é a gastronomía, que é ademais unha gran sinal de identidade aquí nas Rías Baixas”. Desta maneira, “Degusta Europa” pon en valor os produtos quilómetro cero da provincia e dinamiza os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica. En Pontevedra fíxoo da man do CIFP Carlos Oroza, “un dos mellores centros de formación non só de Galicia, senón de todo o Estado, porque son unha gran referencia e deste centro saen rapazas e rapaces que despois traballan na hostalaría cunha enorme calidade”.

A edición deste ano do programa provincial está ligado á campaña de turismo da Deputación, “Orixe”, polo que fai unha homenaxe a gastronomía das avoas e das nais, “que todos recordamos cun grande agarimo, porque eran feitas con moito amor”. Iso si, como explicou Carmela Silva, “aderezadas coa modernidade do século XXI, coa nova gastronomía coa que o centro Carlos Oroza  ten unha grande experiencia”. “Degusta Europa” chegará ao longo destes días a seis mercados da provincia, porque “non hai mellor produto que o que se vende nos mercados tradicionais e estes son, ademais, unha gran referencia nos concellos nos que están situados”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, fixo fincapé na “importancia de formar parte de Europa e de celebralo, e que mellor forma que festexando a nosa gastronomía”.  Precisamente, lembrou á cociña da súa infancia, “da miña avoa e da miña nai, que ulían a paciencia e a novidade, porque non todos os días se facía unha gran comida” e loou ao CIFP Carlos Oroza “polo seu traballo e dedicación e por trasladarnos a eses tempos”. O director do centro educativo, Manuel Hermo, sinalou que non dubidaron en unirse a “Degusta Europa”, “unha idea que nos fascinou desde o principio e nos encaixou perfectamente no plan formativo”. En concreto, a volta á orixe desta edición “conecta cun proxecto co que nós levamos anos, que é a cociña das avoas, algo que nos conecta coa nosa infancia e coa nosa parte máis emocional”.

O CIFP Carlos Oroza encargouse tamén de elaborar os petiscos que se puideron degustar onte en Cambados e o pasado mércores en Redondela. Pola súa banda, o CIFP Manuel Antonio de Vigo será quen preparará as degustacións en Tui (26 de abril), Baiona (3 de maio) e Vigo (4 de maio).

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.