A Deputación abre este martes o prazo para que os concellos poidan solicitar os máis de 3,7 M€ das axudas sociais provinciais

Durante un mes os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poderán solicitar os recursos provinciais para atender as necesidades urxentes da veciñanza en situación ou risco de exclusión social, dotados con preto de 610.000 €

12/01/2026

A Deputación abre este martes e durante un mes o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poidan solicitar os máis de 3,7 millóns de euros das axudas sociais provinciais. Trátanse das axudas básicas de emerxencia dirixidas a atender as necesidades urxentes da veciñanza en situación ou risco de exclusión social, dotadas con preto de 610.000 euros, e dos recursos destinados a financiar as retribucións do persoal do Servizo de Axuda no Fogar e do persoal dos servizos sociais comunitarios, cun orzamento de preto de 3,1 millóns de euros.

No que respecta ás axudas básicas de emerxencia, esta liña distribuirá preto de 400.000 euros para financiar gasto corrente como alimentación, uso da vivenda, facturas, produtos farmacéuticos, reparación de vehículos, lentes de contacto, odontoloxía ou axudas de estudo e de apoio á infancia. Ademais, tamén dirixirá preto de 210.000 euros a financiar investimentos como actuacións de mellora en vivendas de persoas vulnerables.

Pola súa banda, o plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios está dotado de preto de 3,1 millóns de euros tamén para os concellos de menos de 20.000 habitantes, que poderán sufragar con estes recursos as retribucións brutas e de seguridade social do persoal auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios.